RSS

A Unión de Lantaño

A Unión de Lantaño nas festas de Caldas de Reis

A Unión de Lantaño nas festas de Caldas de Reis

Transcorría a última década do S. XIX, cando viu a luz a primeira agrupación musical do noso concello, (alomenos que se teñan datos), da man de D. Ricardo Candán Fernández, coñecido na parroquia coma “O Candango”, que naceu o 29 de novembro de 1852.

Descoñécese o lugar onde puido iniciar os seus coñecementos musicais, se ben recórdase que o seu instrumento era o bombardino, que simultaneaba co expresivo harmonio, nas celebracións relixiosas.

Por suposto, que cando comezou a súa labor, o Sr. Ricardo conseguiu reunir entre oito e dez músicos que sería o punto de partida da banda.
A maioría con pouco solfexo e moita “orella”, segundo nos comunicou Antonio Frieiro “que bastante traballo tiñan para rematar unha peza todos xuntos”.
Pasados os primeiros anos do S. XX, é cando se produce a primeira excisión e fórmase a denominada banda “Dos Vilas”, formada por varios irmáns e algúns membros da banda do Sr. Ricardo; estes, apoiados polo seu pai D. Jesús Vila, perito agrónomo e persoa influínte na bisbarra.

A Banda  "Os Rebeldes"

A Banda
“Os Rebeldes”

Data anecdótica é o 20 de xullo de 1910, cando a Banda “Dos Vilas” actúa na Estación de Ferrocarril de Portas, ó paso da Comisión do Concello de Vilagarcía, que viñan de volta de Madrid de doar á Súa Maxestade o “Rey”, a Illa de Cortegada. Esta Banda pronto logra os seus froitos, xa que no ano 1912 consigue o 1º premio para Pequenas Bandas no concurso celebrado en Santiago de Compostela co gallo da festa do Apóstolo. Dirixe a banda Álvaro Vila, que iniciara os estudios co Sr. Ricardo para posteriormente melloralo en Noia, con D. Felipe Paz Carvajal —compositor e ex-director da Banda de Pontevedra-. Álvaro Vila finou moi mozo, ós vintesete anos, sucédeo no cargo o seu irmán Hermógenes, que estivo ata o ano 1931 ó fronte da banda. Durante un ano sucedeuno Amador Piñeiro Buceta, de Portadeconde (Portas), que o ano seguinte trae ó mestre Fiúza. Este último dálle forzas musicais á banda, que no ano seguinte logra o 1º premio en Ferrol, e o 2º en Santiago, onde tocaron as pezas “Follas Novas” de Brage e “A lenda do bico” de Soutullo.

Procedía o mestre Fiúza da Banda de Música de Vilagarcía onde desempeñaba o papel de clarinete solista e subdirector da mesma.

A andadura da Banda “Dos Vilas” tivo os seus problemas, pois no ano 1917, é cando os irmáns Vázquez Poza, discípulos de Álvaro Vila, non están de acordo coa administración da banda e xurde unha segunda excisión, formándose a Banda “Dos Poza”, que con algúns disidentes dos Vilas, e tamén, con músicos do Sr. Ricardo, inicia o seu camiñar baixo a dirección do irmán máis novo, Xosé Vázquez Poza, bo músico que aumentou os seus coñecementos na Banda do Reximento Militar, onde estivo destinado mentres cumpría o servicio militar, pero a morte levouno moi mozo. Pasando pola dirección da banda os seus irmáns, Xoaquín e Manuel, que cando os Vilas traen a Fiúza, eles refórzanse con D. Andrés Blanco, coñecido como “Rebornecho”.

Xa no ano 1935, no Concurso de Bandas Populares celebrado en Pontevedra participan as dúas bandas, Vilas e Pozas, como tamén as de Arcade e A Lama.
Logran os Pozas o 1º premio coa interpretación das obras de “Unha noite en Calatayud” e “Negra Sombra”, certo que os Vilas logran o 3º premio, pero o Sr. Fiúza non subiu ó escenario a recollelo.

Se xa, dende a aparición dos Pozas, fai que os enfrontamentos músico~culturais suban de Tono, engádense outro tipo de confrontacións ata chegar a formar verdadeiras liortas entre as familias e seguidores de cada agrupación.

Chegada a Guerra Civil, músicos de ámbalas dúas formacións teñen que incorporarse a filas polo que desgraciadamente moitos deles non volverán. Xurde ó remate da guerra, 1939, un grupo de persoas influíntes na parroquia que deciden establecer contactos cos dirixentes e administradores das dúas bandas para unificalas. Por parte dos Vilas, Amador Piñeiro, e pola banda dos Pozas, Manuel Vázquez Poza, que conxuntamente con D. Andrés Méndez, D. Bernardino Buceta e D. Nemesio Méndez, acompañados polo cura párroco, D. Balbino Lojo Lomba e o capelán, D. Santiago Santos Santamaría, levan a cabo varias reunións, ata unificar as dúas bandas no mes de xuño dese ano.

Esta é unha data fermosa na que toda a bisbarra se reúne en Lantaño para ver como cada banda saía do seu local de ensaio e se reunían no camiño que conduce á igrexa parroquial. Bágoas, apertas,… alternadas con estoupidos dos foguetes, daban lugar ó nacemento da nova banda baixo a denominación de “Unión de Lantaño”, da cal foi o primeiro director D. Andrés Blanco “Rebornecho”, xa que o Sr. Fiúza marchou a Marín como recadador de contribucións. A “Rebornecho” substitúeo Leopoldo Mallo -brigada da Banda Militar de Infantería de Ferrol- a continuación segue D. Darío, tamén desa banda militar. Xurdindo ausencias na dirección é polo que volta temporalmente o Sr. Fiúza, que vai quitando as castañas do lume, ata que no ano 1944, o día 8 de agosto, na Alberguería (Moraña), se fai cargo D. José Laguarta Gracia —subdirector de bandas militares- que tivo como último destino Alxeciras (Cádiz), e que durante trinta e catro anos estaría ó fronte da mesma escribindo páxinas históricas, xa que a converteu durante moitos anos, na primeira banda popular de Galicia.

A Banda  "Unión de Lantaño" nas Festas de San Antonio en Currás, polo ano 1951

A Banda
“Unión de Lantaño” nas Festas de San Antonio en Currás, polo ano 1951

Preto de quince anos, dende a chegada de José Laguarta é a que se coñece como época dourada, xa que obras dos compositores universais como Wagner, Tchaicowski, Beethoven, Schubert,… e unha longa lista de compositores nacionais e galegos son interpretados fielmente polos músicos de Lantaño. Obras moi difíciles de execución e expresión.

Xa a partir do ano 1965, aínda manténdose ben, xurde unha peregrinación da xente nova cara horizontes remotos debido á emigración para países hispanoamericanos e máis tarde centroeuropeos, como tamén a aparición desmesurada de orquestras, fai que a banda vai diminuíndo en compoñentes e tamén en calidade.
Se ben dabamos, nun principio por formada a Unión no ano 1939, non se consolidou totalmente ata o ano 1950.

¿Que sucedeu nese período de tempo?… Pois que un sobriño do fundador dos Vilas, Álvaro Barco Vila, non quixo entrar a formar parte da Unión, e cun grupo de doce seguidores segue na loita co nome da banda dos seus antecesores, se ben chegan a coñecerse popularmente co nome “Dos Rebeldes”.

Álvaro foi un mozo traballador polo que engade á súa banda un grupo de xente nova, chegando a ser uns trinta; á súa marcha para formar a banda de Rebón (Moraña), sucédeo no cargo administrativo Adolfo Fontán Vilar, quen trae para a dirección da mesma a Joaquín Montañés, a este substitúeo Waldo Tagore, Emilio Bell,… ata que pouco a pouco os compoñentes vanse integrando na Unión ata que no ano 1950 desaparecen definitivamente “Os Rebeldes”.

Volvendo de novo á Unión, que seguiu a súa longa traxectoria musical, hai que mencionar que é unha das poucas bandas galegas que non cesou na súa actividade nestes cento e pico de anos, xa que a diferencia dou tras bandas, a Guerra Civil non corta a súa traxectoria.

Chegado o ano 1978, D. José Laguarta abandona a dirección por motivos de saúde, e substitúeo D. Ricardo Trinidad Ramón, que logra colocar a banda a un bo nivel. Xa preto dos noventa, faise cargo da banda, D. Javier Gargallo, e a este sucédeo D. Ignacio Estévez.

Certo é que a banda sofre un baixón, que fai incluso pensar na súa desaparición, a ilusión tórnase en “pasotismo” e tras un período que desexamos esquecer, a finais do ano 1999 faise cargo da mesma D. Santiago Nerva, compoñente mozo da Banda da Escola Naval de Marín, que con ideas novas e as pilas cargadas de ilusión logra inxectar ós compoñentes un troco de mentalidade polo que en apenas ano e medio hai un cambio importante.

As expectativas son inmellorables, a xente da bisbarra rodea de novo á agrupación en cada actuación.

Neste home están depositadas as esperanzas nun futuro prometedor para que a nosa banda volva brindarnos días de gloria músico-cultural que xa votabamos de menos.

Autor: Juan Fernando Laguarta Badía

Outro artigo da Banda

Non resulta fácil facer un comentario sobre o orixe da primeira Banda de música de Lantaño, con datos rigorosamente certos, cando estes se escapan a todo rigor histórico. Trataremos non obstante de que os datos subministrados se acerquen á realidade e se algún error se produce ha de se referir tan só a cuestión de datas.
¡Que distante se atopa a data de nacemento de D. Ricardo Candán Fernández, fundador da primeira Banda de música de Lantaño! parece que veu ó mundo no lugar de Paredes polo ano 1852, dunha familia humilde, como todos os mortais que en dita época non foran clérigos ou estivesen vinculados ós Pazos, os cales formaban co clero unha simbiose económica que cobraban ata as Hostias (Oblatas). Era D. Ricardo Candán un mozo superior á súa época, dinámico e emprendedor a quen a sorte non lle fora propicia. Estudia música, non sabemos con quen nin sequera o nivel alcanzado, pero que pronto a usará como o seu “Modus Vivendi”, impartindo clases ós seus amigos e compañeiros, e na Escola Laica de Vilanoviña, lugar onde formou unha pequena agrupación musical. Tocaba o Armonium en todas as Igrexas que celebraban misa solemne ou actos litúrxicos onde o requiran.

A Unión de Lantaño nas festas de Caldas de Reis

A Unión de Lantaño nas festas de Caldas de Reis

Pero é en Lantaño, no lugar que o viu nacer, onde con cariñoso afán levará a cabo a obra máis grande da súa vida e de todos os seus coetáneos do entorno. A creación da primeira banda de música de Lantaño, a el todo honor e gloria lle pertencen. Este acontecemento ten lugar, segundo fontes non fidedignas, cara o ano 1870 con músicos procedentes das distintas parroquias veciñas, alumnos froito da súa propia formación, etc…

D. Ricardo Candán, contrae matrimonio con Dna. Josefa Troncoso, ó parecer veciña da inmediata parroquia de Paradela, con quen conviviu ata o ano de 1890, data da súa defunción. Ós 40 anos, contrae D. Ricardo segundo matrimonio, esta vez con Dna. Filomena Rial, veciña de San Bieito, coa que ten varios fillos.

Na homenaxe a D. Manuel Seoane

Na homenaxe a D. Manuel Seoane

Alternando coa música, monta unha fábrica de serrar madeira nas inmediacións da Capela de San Bieito, correspondéndolle a el tamén o honor de ser o primeiro industrial de Lantaño. É a partir de entonces, cando as cousas, musicalmente falando, toman un carisma nada desexable. A súa estimada banda de Música escíndese, segrega, pois algún dos seus discípulos máis avantaxados, vendo o escaso porvir da Banda, abandonan ó seu mestre, arrastrando tras si a moitos dos seus compañeiros, que dirixidos e formados polos irmáns Vázquez Poza forman unha nova Banda coñecida co nome de “Banda de Poza”. Son estes por orden correlativo D. José, D. Joaquín, D. Manuel e D. Ramón Vázquez Poza, todos eles de feliz memoria.
Ata os anos de 1939, data na que ten lugar a fusión das dúas bandas existentes na parroquia, será D. Manuel Vázquez Poza o que leve a batuta da súa propia banda, gañando premios nos concertos que participan. Estes son algúns dos conseguidos:

*No ano 1934 no concerto celebrado en Ferrol obteñen o primeiro premio.
*No mesmo ano (1934) obteñen o segundo premio no Certame celebrado en Santiago de Compostela e algún outro.

Pero para D. Ricardo a sorte estaba botada, do pequeno número de músicos que permaneceron fieis á súa batuta, deixan de selo e prodúcese unha nova e definitiva segregación, son agora os irmáns Vila: D. Elixio e D. Álvaro Vila Buceta, nacidos no lugar de Almirante, fillos de D. Xesús Vila Magariños, e Dna. Emilia Buceta Vidal. Nace D. Elixio Vila Buceta o 24 de outubro do ano 1882, fundador da Banda de Música popular de Lantaño, con músicos que pertencían a D. Ricardo e que o abandonan definitivamente producíndose o caos para D. Ricardo co nacemento dunha nova banda que estará baixo a dirección de D. Elixio, quén recollerá grandes triunfos, si ben estivo á fronte da mesma durante poucos anos pois a morte lle sorprende na flor da súa xuventude. Sucédelle no cargo o seu irmán D. Álvaro Vila Buceta quen ven ó mundo o día 15 de xaneiro de 1890. Será con D. Álvaro cando a Banda-Popular de Lantaño alcance o seu máximo esplendor participando en concursos e conseguindo en algúns o primeiro premio como ocorreu no Certame celebrado en Santiago de Compostela o día 28 de xullo de 1912, obtendo o primeiro premio baixo a batuta de D. Álvaro, quen falece ós 28 anos, o día 20 de outubro de 1918.

Coa perda desta gran figura, a Banda reséntese, facéndose cargo da dirección o seu irmán D. Hermógenes que falece o 13 de agosto de 1931 ós 34 anos de idade.

A pesar da morte do mozo Hermógenes, a Banda popular de Lantaño continúa recollendo triunfos, agora ó mando de D. Amador Piñeiro Buceta e D. Andrés Fiúza.

Entramos no ano 1939 final da guerra civil española, o pobo quedara sen músicos pois a xuventude fora á contenda bélica, os poucos músicos que hai neste momento están repartidos en dous grupos musicais: Os Pozas e os Vilas que actuando separados significaban moi pouco musicalmente falando. A intervención das figuras políticas do momento, a favor da fusión de ambas bandas en só unha resulta positivo, e a unión realízase co nome de UNIÓN DE LANTAÑO. Este magno acontecemento ten lugar sendo o seu primeiro director, o afortunado D. Andrés Blanco Rebornecho a quen unha pléiade de directores que a continuación iremos citando lle seguirán. Un caso insólito ten lugar ó mesmo tempo… Algúns músicos de ambas bandas capitaneados polos irmáns Barco Vila (sobriños dos directores Vila da Banda de música é a mencionada “Banda Popular de Lantaño”), resístense á fusión e forman un novo grupo musical que tomará o nome de “Los Rebeldes”, nun principio diríxeos D. Andrés Fiúza, pero por pouco tempo, pois fanse cargo da Banda D. Álvaro e D. Amador Barco Vila, grandes músicos e ignoro se con afición á composición por parte de D. Álvaro, que conducirá a banda ata finais do 1948-49 que fenecerá definitivamente, por motivos que se descoñecen.

Continúa o seu camiño a Unión de Lantaño, agora con D. Leopoldo Mayo, D. Darío, D. Juán Texidor (só de visita), D. Andrés Fiúza e xa como figura importante D. José Laguarta Gracia a quen se lle pode aplicar a célebre frase de César: Veni, Vidi, Vinci, xa que ó chegar, ver e vencer para D. José foi a mesma cousa. O cambio estructural e progresivo é evidente, une a súa personalidade á dos músicos existentes, emprende unha labor docente e formativa con novos alumnos como nunca se vira, nin creo suceda nos séculos vindeiros, os seus alumnos non son simples músicos, senón que a preparación alcanzada é tan completa que da súa man se presentan directamente a oposicións a prazas de músicos do exército, obtendo os mellores postos nos seus exames. Cabe citar entre outros a D. Antonio Caldas García: Subdirector da Banda da Garda Civil de Madrid, D. Luciano Abuín Guímarey: Subdirector da Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa, D. Elixio Vila Vázquez: profesor e compositor, D. Marcial Fontán Vázquez: músico militar, D. Fernando Gontad Losada: músico da Banda Municipal de Santiago de Compostela, D. Xesús Constela Gómez (Loureiro) e D. Adonis Ferreiro García: músico militar, director de varias bandas de música, compositor de diversas obras entre las que citamos: Aires de Pontevedra, Pasodobre Concerto, Lantaño, P.C, Miguel, P.C, Monte Alto, P.C, o Cazador, P.C, Na Xesteira, Muiñeira, Virxe da Roca, Marcha de Procesión, Mérida N.º 44, Marcha Militar, Rexemento Isabel a Católica N.º 29, Marcha Himno con Gaitas, Cornetas e Tambores.

Na homenaxe a  D. Manuel Seoane

Na homenaxe a
D. Manuel Seoane

Todas as figuras mencionadas e moitas máis que quedan no tinteiro dignas de mención, son froito da labor incansable de D. José Laguarta, quen non só conquistou premios para a súa banda; tamén sementou a semente que daría o seu froito en vindeiras xeracións. Era tanto o amor que sentía pola música e a súa Unión de Lantaño, que non reparaba en domingos ou festivos para tela a punto nas súas academias de ensaio.

Lantaño e o Concello de Portas deben o coñecemento que deles se ten dentro e fóra da provincia á gran difusión que a banda de música, que por calquera lugar que fora deixaba moi alto o pavillón do seu concello recollendo triunfos ó seu paso.
Pero o caduco e efémero desta vida, ten o seu fin para todos os mortais e como non podía ser doutra maneira, a hora chegou para esta gran figura musical e humana, D. José Laguarta Gracia despois de 35 anos recollendo triunfos: Premios, Diplomas, Medallas, Homenaxes etc…

Un doce de febreiro de 1992 a campá da igrexa parroquial de Lantaño con semitonado son, anuncia o inesperado. D. José morreu, o pobo viste de loito a súa alma, La Unión de Lantaño quedou orfa e a música perde unha gran figura profesional e humana.

En setembro de 1990, Lantaño e os seus músicos réndenlle unha cariñosa homenaxe con motivo da súa xubilación. No seu honor colócase unha placa no palco de San Bieito.
Moi próxima a esta atópase a placa á memoria de D. Ricardo Candán.

Entre os premios obtidos figuran o celebrado nun concurso en Ourense no que se lle considera como o mellor dos directores presentados e o correspondente premio.
Noutro concurso celebrado en Pontevedra compartirá o primeiro premio coa banda de Arcade.

A Sociedade de Residentes do Concelloo de Portas e os seus contornos residentes en Bos Aires, concedeulle a Medalla de Ouro, entregada polo entonces Presidente D. Xosé Alfonso Reboredo, oriúndo de Lantaño.

Entre os traballos por el realizados debemos destacar o pasodobre titulado “de Paredes á Torre” quizá recordando os dous lugares en que viviu desde a súa chegada a Lantaño. Gloria a Don José Laguarta García.

A partir de entonces lle seguirán no cargo (nunca igualable) D. Ricardo Trinidad, D. Francisco Gargallo Seoane, D. Ignacio Estévez Álvarez e D. Santiago Neva Curtido quén desempeña o cargo de Director na actualidade.

Hai que recordar que no cambio de directores desempeñaba o cargo D. Manuel Seoane Barreiro, a quién se lle rendeu unha merecida homenaxe fai só uns días, desempeñando o cargo de administrador da Banda desde o ano 1965 e o de Subdirector desde a xubilación de D. Manuel Vázquez Poza.

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.