RSS

Acerca de “Historia de Portas”

JoseitoO 30 de outubro do ano 2011 publicouse no blog “Dende o confesionario” (DOC) un artigo de Rafa Ruibal titulado Que trata dos ingleses, de Curro e de Milladoiro, non o de Santiago. Nel, preguntábase o autor pola orixe do topónimo Bretoña, en Curro. Tamén tiña interese por coñecer o de Extramundi (Padrón) e Paraíso (Portas), entre outros.
Participaron varias persoas nos comentarios. Eu, “Exorcista de Portas”, atrevinme a comentar que a orixe de “Paraíso” recollíaa unha web que atopara uns poucos meses antes: “Historia de Portas”.

Escribín que para min esa web era un achado cultural, aínda que dicía que era tecnicamente mellorable. Santi Carballo contestoume: “foi creada por unha persoa que por desgracia xa non se atopa entre nós, tratase de Xosé Alfonso Fontán Andión, máis coñecido en Portas por “Joseito” que finou o 10.11.2007, persoa coa que tiven a honra de xogar ao fútbol e coa que mantiven unha relación de amizade e colaboración ata que finou (…) É posible que esta páxina desapareza en calquera momento, dado que o servidor onde está aloxada non é moi estable. Hai que subliñar que a páxina é moi antiga e creada coa tecnoloxía informática da época, incipiente entón, e que polas razóns expostas leva tempo sen actualizar (…) sería importante recuperala, copiala ou o que sexa, antes de que desapareza.”

Rafa Ruibal escribíu: “Quero expresar o meu agradecemento póstumo para o seu autor, acabo de saber quen é, que de seguro tería enchido este espazo cos seus saberes. Así mesmo concordo coa idea de contactar con Elisa para recuperar, ou evitar que se perda o seu legado“.

Mans á obra. Pero non só para recuperar a web de “Historia de Portas”, senón tamén outra que estaba na mesma situación, dedicada a Domingo Fontán, cuxa autoría atribuíu Santí Carballo, así mesmo, a Xosé Alfonso. Hai que dicir, que ante a desaparición dalgunha web dedicada a este prócer, esta de Joseíto convértese en referente imprescindible para quen desexe saber máis do célebre matemático, topógrafo e político portense.

Empezouse por pedir permiso a súa viúva, e a Xabier Loureiro, que é o autor das fotos aéreas que figuraban na web de Historia de Portas. O seguinte foi facerlle un pequeno lavado de cara, respectando ao máximo o traballo de Joseíto, e unir nunha única web as dúas citadas anteriormente.

Finalmente, rematado o traballo, pedíuselle a unha persoa que coñecía ben a autor, Gonzalo Bemposta, que escribise unha descrición de Xosé Alfonso para que quedase reflectida na Web.

Hai que dicir que estas webs deberon ser rematadas por Xosé no ano 2004 ou 2005, xa que as fotos que figuran nelas, son do ano 2004. Aparece, por exemplo, a Azucreira de Portas en ruínas. Isto non é óbice para que estes traballos que realizou perduren no tempo . Como dixo Cervantes: “A historia é émulo do tempo, depósito das accións, testemuña do pasado, exemplo e aviso do presente, advertencia do por vir”.


José Alfonso Fontán Andión

“Joseíto”

O homérico poeta Jorge Luis Borges díxoo en verso rotundo, concluínte, definitivo:

“Morir es haber nacido”.

Sí, pero se isto sempre é difícil de aceptar, máis aínda o é cando a persoa que se vai está no mellor da súa vida, na madurez vital, intelectual, familiar.

José Alfonso Fontán Andión, Joseíto, fóisenos tan cedo, cando non tocaba ese trance. Entón, soa a un feito inaceptable, inadmisible, intolerable… Estamos de paso. “Din que a vida é unha estrela fugaz que cruza o ceo na noite”. Debe ser. Debe.

Un espírito selecto, sensible, delicado… entregado á súa profesión de docente e ao seu pobo. Inquieto polo pasado de Portas –deixounos aquí unha excelente recollida de datos, tras unha boa labor investigadora–, e preocupado polo seu futuro. Nalgunha loita cementeril confluímos.

Durante un tempo tivemos un recorrido vital, digamos que paralelo. Coincidimos alá naquel Seminario da Era teologal de Quiroga Palacios e logo de Ángel Suquía. Falamos de fins dos anos 60 e comezos dos 70; cando o Franquismo periclitaba, naquel século xa ido. Aquilo sempre nos traía lembranzas, filón de recordos cando nos viamos, cando nos xuntábamos.

Os bos, os xenerosos, os escollidos polos deuses, eses sempre se van novos. Sentímolo tanto…  deixan unha orfandade inaceptable. Pero os humanos estamos sometidos a aquel determinismo ineludible de que…

“A todos, tarde o temprano 

nos va entregando la vida.”

Gonzalo Bemposta Rosende


Estamos en novo proceso de actualización e salvagarda. Nas próximas datas rematárase.

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.