RSS

Casa dos Boceta Losada

O pazo de Outeiro é actualmente propiedade de dúas familias. Ó seu carón érguese a capela de S. Bieito, unida ó pazo por unha ponte pola que os Señores do pazo entraban directamente.

A súa data de construcción remóntase ó ano 1.276 se nos atemos ó referido no seu manuscrito D. Andrés Losada e reedificado no 1.369 segundo consta no testamento de D. Fernán García Barba de Figueroa.

Nunha data indeterminada entre finais do século XVII e principios do século XVIII sufriu unha importante reforma que o deixou como está agora.
A edificación consta de dúas plantas en forma de L. No patio de entrada álzase un arco semicircular con doelas de grandes dimensións. A fachada posterior ten unha porta adintelada con mochetas. A cuberta resólvese a dúas e catro augas, rematando nunha cornixa con moldura.

Conserva o reloxo de sol e dous escudos, situados un na fachada principal (ala norte) e outro na ala sur, representan o mesmo pero non son da mesma factura.
O situado na fachada principal é de mellor factura, presenta catro carteis que se corresponden ós apelidos: 1º Boceta; 2º Losada; 4º Figueroa. Con respecto ó 3º cartel os expertos en heráldica difiren aínda que a opinión máis acertada podería ser a que o asigna a Barba de Figueroa.

 Autora: Purificación Rodríguez


O OUTEIRO

Situación.- Lugar de San Bieito, parroquia de San Pedro de Lantaño.

Orixes.- Ano de 1407.

Apuntes históricos.- A revista “Galicia Histórica”, na súa colección diplomática, reproduce o testamento de Fernán García de Barba y Figueroa onde, como poderá comprobarse, é de notable interese para coñecer os costumes da época, a data de construcción do pazo, as relacións con outras familias propietarias de pazos que figuran neste volume e o estado social e político en Galicia antes da visita dos Reyes Católicos. A revista citada, interesante fonte documental, estivo dirixida polo gran investigador e historiador galego López Ferreiro. Fernán García de Barba y Figueroadispón no seu testamento, entre outras cláusulas, as seguintes:

– “E iten mando que cando Deus cumprir os meus días a me chamar a sacar desta vida que o meu corpo seja sepoltado enna capela maor da iglesia desta freguesía de San Pedro de Lantaño onde jacen doña Joana Mendez de Acevedo miña primeyra moller e doña Elvira Paez de Montenegro miña segunda moller é Anton Garcia de Savedra e doña Leonor Barba de Figueroa meus señores padres e García Estevez de Lousada e Quiroga e doña Maria García de Savedra meus señores aboos…”

– Lega a Juan Pérez Boceta, clérigo da freguesía de San Pedro de Lantaño, “cen maravedís de vellón para honra da miña sepoltora e que veña sobre dela con seus responsos… fasta comprir un ano enteyro…”

– Manda que ós seus criados se lles pague o soldo completo dun ano e roupas de loito.

– Tamén determina que “…a todolos colonos lles perdono a mitade e aos que foren probes ou casi probes lles perdono todo enteyramente…”.

– Ós pobres “…que no día do meu enterramento vieren a catar de comer que a todos se lles de ismolda por amor de Deus pan e viño e carne ou pescado…”.

– “Iten mando por ismolda a os probes lacerados da malatería de Santa María do Camiño de Pontevedra docentos pares de brancas da boa moeda e outro tanto aos da de San Luis de Padrón porque todos roguen a Deus por min…”

– Confesa ter recibido dos seus sogros, Juan Páez de Montenegro y Ursula Yáñez de Novoa, con motivo do seu casamento coa súa segunda muller, Elvira, 80.000 pares de brancas de boa moeda, “e seys taças de prata e un caballo boo e ben aparellado, os quales diñeiros gastaron en desembargar os bens e terras que meu señor padre empeñou a Fojo Gomez de Soutomayor, vasallo do rey e señor que foi da casa forte de Lantaño”.

Noutro aditamento di literalmente:
Ytem digo que porque este meu pazo e casa torre de Outeiro de esta freguesía de Lantaño en que moro e moraron os ditos meus padres e aboos non se tollese nin partise en adiante e tamén por que en ela se conserbase aboa memoria dos meus pasados maormente do dito meu aboo García Estévez de Lousada que da terra de Lugo e pazos de Lousada e Quiroga veu morar a ela condita sua muller María García de Saavedra miña aboa e foi o que reedificou con sua torre enna era de MCCCCVII anos de Cristo…” .“ … o reino todo revolto en guerras e tantos roubos e mortes, e todos malos feitos, levantase grande chusma de comuneros contra os caballeros e moitos caballeros contra el mismo Rey noso señor, e autos señores da terra facer guerra contra outros e deitar por terra tantas casas e torres…”.

Á revista “Galicia Histórica” lle foi facilitado o transcrito testamento, en 1901, polo Sr. Losada Maquieira, á sazón propietario do pazo.

Caracterización.- Do antigo pazo queda o edificio principal, no que aínda son visibles a primitiva torre e un reloxo de sol. A actual propiedade, coa súa finca circundante, aparece dividida en dúas e o seu emprazamento, en lugar elevado -recordemos o seu topónimo de Outeiro-, é privilexiado, dominando un amplo val. Próxima á casa está a capela que, con carácter público, fora levantada en honor aSan Bieito e que da nome ó lugar. Nas súas orixes pertencía ó veciño pazo de San Bieito, ó que tamén nos referimos neste tomo, e os seus señores tiñan acceso directo a ela a través da pasarela de pedra que aínda se conserva.

Escudos.- No dintel dunha porta existente na parte traseira da casa aparece cicelado un escudete no que van representadas as armas dos Pereira e os Somoza. O escudo principal, ovalado e cuarteado en cruz, presenta os brasóns dos Somoza, Losada e Barba de Figueroa, algúns dos cales xa vimos no próximo pazo de Torre Penelas. Por último, nunha das paredes dun patio interior, existe outro escudo, perfil que se axusta ó prototipo español, con idénticas particións e armas que o anterior.

Estado de conservación.- Irregular.


Propietarios actuais.- Unha parte pertence a D. Carlos Méndez Losada e outra a D. Gumersindo Buceta Fontán.

Bibliografía: Inventario PAZOS Y TORRES de la provincia de Pontevedra.

De Juan M. López Meléndez y Grato E. Amor Moreno

Editado por: Exma. Diputación Provincial de Pontevedra 1997


Xenealoxía

PRINCIPIO DESTA CASA DO OUTEIRO FRª DE S. Pº DE LANTAÑO
(Copia dun manuscrito de D. Andrés Boceta de Losada)

Consta da crónica do S. Rei D. Alº el onceno en como no altar do Apóstolo Santiago na cidade Compostela ó cap. 101 armou “caballeros de spuela dorada” entre outros a algúns galegos como foron Perianes de Noboa cuius descendentes hai hoxe en Ourense, Fernán Dianes de Neyra, Nuño Peres Gallinato cuia sepultura vese no claustro de Sto Domingo da cidade de Santiago e Diego Álvarez de Soutomaior cuius descendentes hai en Galicia, Juan García de Saavedra chamado así do solar de Saavedra que está en Galicia do que saíu…………….García, pai de Antº García chamado…….Gallego por haberse avantaxado nas guerras contra mouros, de Juan García faise mención no dito capítulo 109 este foi o que fixo esta casa do Outeiro ano de 1.276.
De Antº García Gallego chamado así faise mención honrada na crónica do S. Rei D. Juan o segundo ano dez do seu reinado cap. 88 este foi pai de Juan García Gallego que en Aragón morreu en servicio do infante D. Fernando, este pai de Fernán García que quedou (en Galicia nesta Casa de Outeiro freguesía de S. Pedro de Lantaño, xurisdicción de Vilanova de Arousa desta diócese Compostelana) pobre de facenda cos gastos de seu pai e avó, de quen naceu Juan García Gallego, pai de Juan García o que tivo por fillos a Ares García e Juan García fiscal de Valladolid. Este foi ós estudos a Pontevedra de gramática e Salamanca á xurisprudencia e graduado ano de 1540 foi relator na Audiencia de Galicia, a que estaba naquel tempo na cidade de Ourense e por causa da peste o ano de 1571 mudouse á cidade da Coruña. Dende alí foi promovido por fiscal da chancellería de Valladolid donde morreu según que todo consta de dous libros que escribiu o de Expensis et meliorationibus ano de 1578 e o outro que escribiu da “ nobreça de Hespaña a la pragmaticam corduben? Y que es la ley 8…….12 libro 2 recopilationis” e imprimiuse o ano de 1588 en Valladolid e dedicado a D. Pedro de……………………………..inquisidor xeral de España e o que escribiu De Expensis et melioratinibus ó ilustrísimo señor D. Antonio Rodrigues Mouriño de Paços bispo de…………………………..presidente de Castilla dignidade suprema da coroa de España; según que todo elo consta dos libros citados polo autor e escritos seus dos capítulos de nobreza de España glosia? Sétima nº 18 folio 195 columna 2ª ata o nº 19 e do libro de Expensis ó capítulo octavo folio 69 e 68. e os García obtiveron carta executoria de nobreza e confirmárona por medio dos señores reis de España ata o emperador D. Carlos Quinto según de Otalora? Que escribiu da nobreza de España capítulo sexto principio da cuarta parte folio 315 nº 1 onde tivo litixio co Consello de Luna e fiscal Fernan García no que por virtude dun privilexio do rei D. Vermudo concedido a un Bellico de Auriolis (…) obtivo o dito Fernan García por ter probado a descendencia de aquel Bellico Auriolis (…)

Segundo o testamento de Fernán García Barba de Figueroa:

ESTEVO PÉREZ DE QUIROGA E LOUSADA e Inés Yánez Mariño foron pais de

GARCÍA ESTÉVEZ DE LOUSADA E QUIROGA que casou con dona María García de Saavedra e reedificaron a Casa de Outeiro no ano 1.369 como consta debaixo do escudo dos Lousada.

Segue a liña na Casa de Outeiro o seu fillo ANTÓN GARCÍA DE SAAVEDRA que casou con dona Leonor Barba de Figueroa, terceira neta de D. Rui Fernández Barba, Señor de Castroforte e a súa muller dona Elvira Suárez de Figueroa, Señora de Figueroa e Gallinato. Antón García sabemos polo testamento do seu fillo que participou xunto ó Arcebispo D. Lope de Mendoza na conquista da cidade de Antequera (1.410).Temos datos de dous fillos, Fernán e Vasco.
Vasco García Barba de Figueroa foi canónigo en Ourense.

FERNÁN GARCÍA BARBA DE FIGUEROA segue a liña na Casa de Outeiro. Casou Fernán en primeiras nupcias con dona Juana Méndez de Acevedo sen descendencia e en segundas nupcias con dona Elvira Páez de Montenegro, filla de Juan Páez de Montenegro e Úrsula Yánez de Novoa da Casa e Torre de Trabanca na vila de Pontevedra, con que tivo catro fillos Juan, Estevo, Alonso e Bieyta García de Montenegro. Polo seu testamento datado no 1.473, sabemos que quería ser sepultado na capela maior da igrexa de S. Pedro de Lantaño onde tamén foron sepultados os seus antecesores. Relata tamén no seu testamento os grandes gastos que tivo que afrontar para desembarga-los bens empeñados polo seu pai a Paio Gómez de Soutomaior para ir á guerra así como os seus propios gastos na súa participación na batalla da Figueira (Higueruela 1.431) co rei Juan II onde resultou ferido. No testamento manda facer morgado vinculado na Casa de Outeiro e deixa ó seu fillo Juan García de Montenegro como Cabeza.

JUAN GARCÍA DE MONTENEGRO tivo por fillos a Ares García e Juan García, este o fiscal de Valladolid.

ARES GARCÍA que chamaron o vello, casou con Inés García Boceta e tivo entre outros fillos a Ares García a quen chamaron o mozo a diferencia do vello e Juan García. Ares García O Mozo casou con Constanza da Poza e quedan no Outeiro.

JUAN GARCÍA casou con María de Caldas, filla de Gonzalo de Caldas, escribán. Temos constancia de 5 fillos Alonso, Inés, Gonzalo, Catalina e María.
Gonzalo tomou o apelido de Caldas, casou con Inés de Sar e tivo entre outros fillos a Gonzalo e a Juan de Caldas. Gonzalo de Caldas casou con Agostina Boceta de Caamaño filla de Dona Mayor Rodríguez de Castro da Casa do Curuxal e o Capitán Domingo Boceta de Caamaño e Figueroa da Casa de Somonte (+1.625). No 1.620 estaban casados e asentados no lugar de Almirante (Lantaño). Juan de Caldas casou con Alberta Boceta (+1.666) e foron pais de Alberta de Caldas a que casará con D. Alberto García escribán.

ALONSO GARCÍA escribán “da súa maxestade e número da vila de Vilanova de Arousa”fundou a casa e torre do Casal (dote do seu avó Gonzalo de Caldas á súa nai segundo relata el mesmo no seu testamento) casou con María González Boceta Figueroa, filla de Albaro Boceta fundador da Capela de Nosa Señora da O ou da Expectación na parroquia de S. Pedro de Lantaño, antigamente S. Salvador, foron pais do fundador Guº Boceta de Rial e María González o ano de 1.540. Segundo un manuscrito asinado por D. Joseph Losada Navia no ano 1738, “son dichos nuestros petrucios por el tronco de los Bocetas (antiguamente Macetas) oriundos de Vizcaya”Temos constancia de catro fillos deste matrimonio: Álbaro Boceta, María González, Marquesa e Alonso García morto e sepultado o día 19 de xullo de 1.618, asistiron ó seu enterro 12 clérigos. Morta María González casou Alonso con Ana Dapena da que non tivo descendencia. Casou por terceira vez con Dominga Parcero filla de Esteban Parcero rector de Sta. Mª de Perdecanai e tivo este matrimonio catro fillos, Columba, Adega, Ana e María.
Adega García (Águeda García Caamaño segundo Hipólito de Sa) casou co capitán Jerónimo de Castro Caamaño herdeiro do vínculo de Curuxal. Morreu Adega García no ano 1.637 e foi sepultada na capela da Magdalena en Sta. María de Caldas.
María García Parcero (+1.682) casou co Alférez Gregorio González de Castro (+1.668) e quedou na Casa-Torre herdanza dos seus pais. No 1.667 crean o vínculo da casa e fan doazón del á súa filla Benita García González de Castro casada nese mesmo ano co Secretario Licenciado Antonio Ximénez de las Peñas. Da casa e torre do lugar do Casal non quedan vestixios.
María González casou con Fernando Boceta Saborido. Instalados en Almirante (Lantaño) serán o comezo da Casa da Toma.

Alonso García foi sepultado o día 2 de setembro de 1.625 na capela da O incluída na igrexa parroquial de S. Pedro de Lantaño segundo vontade propia recollida no seu testamento datado no 26 de maio dese mesmo ano “…Item mando que cando a vontade de meu Señor Xesucristo…servir se me levar desta presente vida que o meu corpo e carne sexan sepultados dentro da capela que fixo e fundou o meu sogro incluída na igrexa de S. Pedro de Lantaño…a sepultura onde foi e está sepultada María González a miña muller…”

ALBARO BOCETA (n. 1.570) foi rector da Igrexa de Santiago de Carril e tivo por fillos naturais a Alberto García escribán de número que foi de Vilanova de Arousa e Domingo Boceta de Losada.
Alberto García (+1.667) escribán, casou de segundo casamento con Alberta de Caldas (1.661) filla de Juan de Caldas e tivo 5 fillos, Benito García, Domingo Boceta do Rial (+1.670), Lorenzo García e Francisca e María García. De Benito García escribán sabemos que vivía na Casa de Penelas na Torre. Francisca García casou con Albaro Boceta de Figueroa da Casa da Toma. María García casou no lugar de Paredes con Domingo Boceta Mariño, patrón do vínculo e capela de Sto. Domingo no dito lugar que fundou o licenciado Domingo Boceta rector de S. Pedro de Lantaño no 1.640.
Morreu D. Albaro Boceta o día 4 di outubro do ano 1648 e enterrouse na capela de Nosa Señora da O como primeiro patrón,, sacerdote cura e comisario do Santo Oficio da Inquisición e deixou o patronazgo ó seu cuñado Fernando Saborido e María González, dixéronse por el 1.000 misas segundo consta na súa partida de defunción.

D. DOMINGO BOCETA DE LOSADA naceu o 20 de xaneiro de 1.624 e foi bautizado na igrexa de Sta. María de Portas. A súa nai foi dona Juana Miguens de Losada freguesa da vila de Carril, neta por liña paterna de D. Lope de Losada irmán segundo do señor da Casa da Freiría solariega dos Losadas. Os seus padriños foron os seus tíos Fernando Saborido e María González. Estudiou en Salamanca e graduouse de Xurisconsulto no ano 1.647. Casou no ano 1.651 no Grove con Catalina López Dabal que morreu sen descendencia no 1.658 e foi enterrada na Capela De Nosa Señora da O. Casou D. Domingo Boceta en segundas nupcias con Dona María Fernández Fariña e Fabeiro, filla de D. Domingo Fernández rexedor de Padrón, e de Dona Inés Fariña; neta de D. Alonso Fernández e de Dona Francisca Fabeiro, veciños de Padrón; e bisneta do rexedor de Padrón D. Pedro Fabeiro e de Dona Mariña Pérez. Naceron deste matrimonio 5 fillos D. Francisco, D. Fernando, Antonio Benito, Diego, Sebastián.
D. Francisco naceu o 12 de xullo de 1.661 e foron os seus padriños os seus avós, o rexedor Domingo Fernández e Inés Fariña.
D. Andrés naceu o 29 de novembro de 1.662, e foi bautizado polo seu tío o comisario do Santo Oficio da Inquisición D. Juan Acosta Reyno e Losada rector nese momento de S. Mamede de Amil, sendo o seu padriño o seu tío D. Sebastián Rubio de la Calle rexedor da vila de Padrón.
Antonio Benito naceu o 11 de outubro de 1.664 e bautizouse o día 21 sendo os seus padriños Sebastián Rubio de la Calle e Dona Francisca Fernández tía do neno; morreu en Santiago ós nove anos e enterrouse na capela de D. Lope.
En 12 de novembro naceu Diego morto ó mes e enterrado na capela da O.
Sebastián Basilio Boceta naceu o día 13 de xuño de 1.667 e foi bautizado polo seu tío paterno (fillo de dona Juana Miguens de Losada e D. Juan da Costa) D. Juan Acosta e Losada rector de S. Pedro de Lantaño; D. Sebastián chegaría a ser rexedor da vila de Padrón.
Dona María Fernández morreu o día 11 de xuño de 1.672 dándoselle sepultura no coro ó lado da Epístola na Igrexa de S. Pedro de Lantaño. Ó seu enterro asistiron corenta sacerdotes.. O seu home D. Domingo Boceta de Losada sobreviviuna dezanove anos; morreu o 14 de setembro de 1.691 e foi sepultado no medio do coro como patrón de dicho coro e beneficio curato e simple por foro que lle fixo o Abade e monxes do mosteiro de Santa María de Armenteira.; asistiron ó seu sepelio corenta sacerdotes e 3 relixiosos dous de San Francisco de Cambados e o Prior do Priorado da Barosa.

Seguiu a liña na Casa de Outeiro o fillo D. ANDRÉS BOCETA DE LOSADA. No manuscrito mencionado lese o seguinte…e por seu testamento e facendo doazón entre vivos fíxome mellora de 3º e 5º dos seus bens…e a falta de sucesión de min o licenciado D. Andrés Boceta deixa sucesor a D. Sebastián Boceta meu irmán e a falta dos dous a D. Francisco Boceta meu irmán máis vello o que agora fai trece anos que se ausentou deste reino de enfermidade de loucura e noticia algunha del non consta e se se pasou á India. D. Andrés Boceta de Losada graduouse na facultade de Cánones na Universidade de Santiago no ano 1.686. Casou D. Andrés o dous de abril de 1.694 con Dona María Antonia de Navia Mariño filla do Capitán e familiar do Santo Oficio da Inquisición D. Francisco de Navia Mariño e Osorio e Dona Agustina de Moure y Temes Abal.
D. Andrés e Dona Mª Antonia tiveron 10 fillos Apolonia, Joseph Patricio, Rosendo, Feliciano, María Rosa, Benita, Juana, Juan Antonio, Mª Josepha e Mª Francisca.
Dona Apolonia Buceta de Losada e Navia naceu no ano 1.695 e foi bautizada en S. Pedro de Lantaño, casou o 22 de novembro de 1.723 co Capitán D. Dionisio Señoráns Mariño e Soutomaior, fillo natural de D. Antonio Señoráns rector de Sta. María de Paradela e Dona Antonia Mariño Sarmiento veciña de Pontevedra. Era D. Dionisio capitán de infantería española agregado á Praza da Vila de Pontevedra, residente segundo un protocolo de Agustín Varela do Porto, escribán (1.727), en Sta. María de Paradela, Desta unión naceron 5 fillos: D. Joseph rector de S. Miguel de Deiro, D. Juan Manuel rector de Sta. María de Paradela, D. Joachin cura beneficiado de Sta. María de Castrofeito, Dona Ana e Dona María Josepha que casou con D. Joseph Ramón Mosquera.
Don Rosendo naceu no ano 1.698. Era en 1.732 capelán da capelanía de S. Bieito e máis tarde rector de Santa María de Paradela.
Dona María Rosa Losada de Navia Mariña nada no ano 1.700, casa o 25 de decembro de 1.721 con D. Matheo Pérez de Salnés Domínguez de Caamaño na igrexa de S. Pedro de Lantaño. Era D. Matheo fillo e sucesor no vínculo de D. Mauro Benito Pérez de Salnés e Dona Inés Domínguez de Caamaño Señores da Casa da Granxa de Sta. Mariña Dozo (Cambados). D. Matheo construíu ese mesmo ano a Casa da Saleta en S. Vicente de Nogueira; nun dos cuarteis do escudo represéntanse os lagartos baixo lousas do apelido Losada. Dona María Rosa casou en segundas nupcias con D. Benito Conde Vaamonde, veciño de Santiago.
Dona Benita Boceta de Losada nada no ano 1.700 casa en S. Pedro de Lantaño o 1 de novembro do 1.725 con D. Joseph de Moure y Temes fillo de D. Antonio Villamoure Rial e Abalos e Dona Mariana Varela , Señores e donos de Freixeiro en Cornazo. Dona Benita e e D. Joseph serán Señores da Casa da Granxa de S. Mamede de Corvillón. Tivo este matrimonio entre outros fillos a D. Francisco De Villamoure Rial ou Moure e Temes quen casará con María Luísa Boceta Ponce de León da Casa de Penelas.
Dona Juana Losada e Navia naceu no ano 1.703 e casou o 23 de Xaneiro de 1.733 D. Jacobo de Derendaño e Murga veciño da Pobra do Caramiñal. Morrerán sen sucesión.
Don Juan Antonio de Losada y Navia (1.705-1.764) Rector de S. Pedro de Lantaño.
Dona Josepha de Losada e Navia (1.708) casada con D. Gabriel Torrente de Castro natural de Sta. Eulalia de Dena no ano 1.742 e en segundas nupcias con D. Francisco Javier Varela Patiño escribán.
Dona Francisca Losada de Navia (1.711-1.770) casou en primeiras nupcias con D. Francisco Martínez de Rozas o 5 de abril de 1.743 e en segundas o 18 de marzo do 1.752 con D. Joseph Benito de Silva Taboada. Viviu no pazo de San Bieito no Rial.
Dona Mª Antonia de Navia e D. Andrés Boceta constan como veciños do Rial no ano 1.712. Dona Mª Antonia consta que no 1.743, xa viúva viviu no pazo de S. Bieito coa súa filla e alí seguirá ata a súa morte no 1.757, foi sepultada na capela de Nosa Señora da O.

D. JOSEPH PATRICIO DE LOSADA E NAVIA MARIÑO, sucesor na Casa do Outeiro, (1.696-1.762). Casou en primeiras nupcias o 3 de novembro de 1.723 con dona Josepha Vázquez de Aroufe?, veciña de Sta. Mª Salomé e Santiago, sen descendencia; en segundas nupcias casou con dona Michaela de la Peña e Posada,filla de D. Isidro de La Peña y Posada e Dona Victoria Díaz Cordero.Tivo este matrimonio 13 fillos: Miguel Benito, Juana María, Rosendo, Juan Andrés, Mª Manuela, Joseph Manuel, Pedro Andrés, Manuela Antonia, Benito Antonio (1.745-1.747), Remigio, Mª Josefa Rosa, Manuel Ignacio, Mª Michaela Antonia.
Dona Juana Losada de Navia e Peña (1.734-¿?) casa con D. Francisco Fernández de Soutomaior e Cardecid dono da Casa Solar de Cacabelos (S. Adrián deHadrián Vilariño), fillo de D. Gaspar Fernández Cardecid e dona María Fernández Mariño de Soutomaior. A súa filla Dona Rita Cardecid e Losada casou con D. Mauro Pérez Aballe da Casa da Granxa en Cambados.
Rosendo (1.736-¿?) Clérigo.
Juan Andrés (1.737-¿?) Presbítero.
Mª Manuela Victoria Losada de Navia e Peña (1.738-¿?) casa con D. José Vicente Fernández Mariño de Soutomaior e Nicola, fillo de D. Roque Fernández Mariño de Soutomaior Domínguez de Prol e Dona Teresa Nicola, sucesor na Casa-torre de Balea no Grove.

Joseph Manuel (1.740-¿?).
Pedro Andrés (1.741-¿?).
Manuela Antonia Jacoba (1.742-¿?)
Remigio (1.747-¿?) Rector de Leiro.
Mª Josepha Rosa (1.748-¿?).
Manuel Ignacio Tomás (1.755-¿?).
Mª Michaela Antonia (1.755-¿?).

D. MIGUEL BENITO LOSADA DE NAVIA E PEÑA (1.733-1.798). Casou con Dona María Isabel Peña e Díaz, tivo este matrimonio 9 fillos: Fernando, Rita Antonia (1.765-¿?), Benito Mariano (1.766-¿?), María Joachina (1.768-¿?), Rafael Antonio (1.770-1.770), Manuela Benita (1.772 e morta ós poucos días), Josepha Ramona (1.773-¿?) , e Benito Francisco (1.774-1.849).
Josepha Ramona (1.773-¿?) que casará con D. Antonio Blanco o 27 de novembro do 1.819. Era D. Antonio viudo de Dona Vicenta Caamaño veciño de Sta. María de Caldas e trasladado agora a Sta. María de Arcos da Condesa.
Benito Francisco morreu sendo presbítero exclaustrado da Orde de S. Bieito, á súa morte deixa a súa herdanza á súa cuñada Dona Anunciación.
Dona Mª Isabel foi sepultada o día 24 de outubro de 1.774 nunha sepultura da capela de Nosa Señora da Expectación ou da O. Do poder económico da familia da fe a súa partida de defunción na que se di: …Asistiron ó seu enterro corenta señores sacerdotes, incluídos dez relixiosos de O Noso Pai S. Francisco do convento de Cambados, dixéronse pola súa ánima oitocentas misas rezadas incluídas as tres cantadas repartidas a S. Francisco da vila de Pontevedra, de Cambados e o mosteiro de Armenteira… D Miguel casou en segundas nupcias con dona Petronila Barreiro e non tivo descendencia. Sobreviviu á súa primeira muller vinteún anos e foi sepultado como a súa dona na capela de Nosa Señora da Expectación. Dona Petronia faleceu no 1.809.

D. FERNANDO LOSADA PEÑA (¿? – 1.841), naceu e foi bautizado na Casa familiar da súa avoa materna en S. Salvador de Teis. Como fillo primoxénito de D. Miguel segue a liña no Pazo do Outeiro e, segundo consta dun protocolo notarial de Miguel Menéndez, escribán (1.799), é herdeiro do vínculo de Teis. Casou con dona Josefa Arias y Castro, sen sucesión; de segundas, casou D. Fernando con dona Asunción Arias Teijeiro e Correa (¿? – 1.863) filla de D. Raimundo Antonio Arias Teijeiro e Dona María del Carmen Correa y Castroviejo, dona e herdeira do vínculo da Casa de Pías na Ramallosa (Nigrán). D. José Arias Teijeiro y Correa, irmán de dona Anunciación foi conselleiro de Carlos V e por título concedido por este rei Conde de Casa Teijeiro.
Polos arquivos parroquias téñense constancia de tres fillos deste matrimonio: Antonio, José Fernando (1.836-1.876) e Francisco Ramón (1.838-¿?) que casou con dona María Pardo y Perfumo. D. Fernando morreu en Santiago o 1 de agosto do ano 1.841 de onde foi sepultado, posiblemente en S. Fructuoso.

D. ANTONIO BENITO Mª DEL CARMEN LUIS GONZAGA LOSADA ARIAS (1.834-1.892) herdeiro do vínculo casou con, Dona Aniceta Maquieira de Aguín (1.836-1.870), súa curmá, filla de D. José Maquieira e Dona María Jesús de Aguín naturais de S. Xoán de Leiro. Tense constancia segundo os arquivos de cinco fillos deste matrimonio.Francisco Segundo Mª Benigno Julio Fernando y Antonio Losada Maquieira (1.865-1.868).
D. Luis Gonzaga Benito José María Lucas Losada e Maquieira (1.866-¿?), casado con dona Francisca Villar en 1.904.
D. Álvaro (1.867-¿?), casado con Dona María Méndez Santamaría, filla de D. Benito Méndez Souto natural de Santiago de Godos e Dona Concepción Santamaría Cons natural de Santiago de Compostela.
D. Samuel Benjamín Isaac Olimpio José Losada Maquieira(27/6/1.869-1.936), casado no 1.904 con Ramona García Pérez.
Filomena Joaquina (4/71.870-15/7/1.870).

Autora: Purificación Rodríguez


Advertisements
 

Os comentarios están pechados.