RSS

Casa e capela de A Toma

Da construcción da Casa da Toma, no lugar de Almirante, non quedan restos palpables, pero si se conserva o nome da finca, e por suposto, a fermosa capela incluída na igrexa de S. Pedro de Lantaño que leva o seu nome.
A familia que viviu na Casa da Toma, aínda que non fidalga (non consta como tal no Catastro da Enseada) foi unha familia poderosa, que teceu liñas de parentesco con importantes familias dos arredores.

Nas súas raíces procede por unha parte da Casa de Outeiro.

Autora: Purificación Rodríguez


Xenealoxía

D. ALVARO BOCETA DE FIGUEROA, Rector de S. Pedro de Lantaño, fillo de Gonzalo Boceta do Rial e María González, foi o fundador da Capela de Nosa Señora da O ou da Expectación, no derradeiro cuarto do S. XVI.

A súa filla natural DONA MARÍA GONZÁLEZ BOCETA FIGUEROA casou con Alonso García, escribán, da Casa de Outeiro e veciño de Casal.(Ver capítulo desta Casa) e tiveron por filla entre outros a Dona Ana María González e a D. Aluaro Boceta, rector de Carril, deixando a este patrón da capela de Nosa Señora da O.

Dona Ana María González casou con FERNANDO BOCETA SABORIDO, veciño de Almirante e do que se di na súa partida de defunción acaecida en 1.632 que era rico, proba disto é que ó seu enterro acudiron 14 sacerdotes. A falta doutras probas documentais que poidan aparecer, pódese dicir que estas son as raíces da Casa da Toma. Á morte de D. Aluaro Boceta, este nomeará patrón da Capela ó seu cuñado Fernando Boceta Saborido.
Dona Ana e D. Fernando Saborido tiveron 7 fillos: Joseph, Alonso (n.1.620), Andrés e Domingo clérigos presbíteros, Ana, María e Francisca.
Alonso Saborido casou con Ana Boceta González filla de Domingo Boceta e Ana González de Portas.
Ana Boceta Saborido (¿?-1.690) de primeiro casamento casou con Gregorio Boceta de Perrín fillo de Juan Boceta de Perrín (Ve-lo capítulo dedicado a esta familia).
María Boceta Saborido casou con Bartolomé da Fonte en Fontenla.
O Licenciado Domingo Boceta Saborido tivo dous fillos naturais un que foi a Flandes ó servicio da súa maxestade D. Carlos Segundo e a filla Benita Boceta quedou na Torre por se-la súa herdeira.
O Licenciado Andrés Boceta Saborido morreu en Santiago sendo mordomo e asistente de D. Andrés de Mondragón marqués de Santa Cruz.

Segue a liña D.JOSEPH BOCETA, naceu no ano 1.624 e casou no ano 1.642 con Ana María Barba de Figueroa natural de Vilagarcía, filla de D. Lope Barba de Figueroa e Dona Ana López Villa?. Tivo este matrimonio alomenos 3 fillos: Álvaro, Dominga e Antonio.
No ano 1.670 celébrase na igrexa de S. Pedro de Lantaño o casamento de Álvaro e Dominga. Lese na partida de casamento: “Albaro Boceta, escribán, fillo de Joseph Boceta y Ana Figueroa, con Francisca García filla de Alberto García escribán, e a súa muller Alberta de Caldas. E, Francisco García e Dominga López Boceta dos mesmos pais, os que son parentes de 3º e 4º grado”. Son todos bisnetos de Alonso García, escribano e María González Boceta Figueroa.

D. ÁLVARO BOCETA FIGUEROA segue a liña da Casa da Toma, e, como tal patrón da Capela de Nosa Señora da O. Nado en Lantano no ano 1.644 foi escribán de número de Caldas e o Salnés. Parte dos seus protocolos notariais consérvanse no Arquivo Histórico de Pontevedra, e, é precisamente nun deles onde primeiro aparece o topónimo da Toma para referirse á súa casa “…ano de mil seiscentos setenta e tres..na casa da Toma…”.Como xa dixemos, casou D. Alvaro con Dona Francisca García de Caldas no ano 1.670 e tivo este matrimonio alomenos oito fillos: Diego, Pedro, Simón (1.678), María Gregoria? (n. 1.679), Francisca, Antonio (n. 1.683), Raphaela (1.684), Josepha (n.1.688)
Simón Boceta de Figueroa casará con María Ana de Savaroz . A súa filla Gabriela Boceta de Figueroa casará con Iganacio de Barreira veciño de Sta. María de Portas.
Gregoria Boceta de Figueroa casará con Lorenzo de Afonsín viúvo, natural de Baión.
Morreu D. Álvaro no ano 1.688 e foi enterrado na Capela de Nosa Señora da O como patrón dela. Asistiron ó seu enterro 19 sacerdotes, símbolo de poder económico.

D. DIEGO BOCETA FIGUEROA, segue a liña da Casa. Seguindo os pasos do seu pai é escribano real e será Alcalde da vila de Caldas de Reis, o que fai supoñer que tiña casa en Caldas, idea que se ve referendada polo feito de que non aparece no libro de Bautizos da parroquia ningún fillo. Parte dos seus protocolos notariais consérvanse no Arquivo Histórico de Pontevedra.
As relacións de Diego cos seus irmás non deberon ser moi boas porque nun protocolo notarial de Alberto de Magariños e Castro, escribán, do ano 1.692 lemos:”Pedro, Simón, Gregoria, Francisca, Antonio, Raphaela, Josepha, menores que quedaron de Albaro Boceta Figueroa do casamento que tivo con Francisca García na freguesía de S. Pedro de Lantaño, e agora nos atopamos provectos de titor e curador que o é Diego Boceta o que é neglixente e preguiceiro na defensa das nosas persoas e bens e nos receamos perder o noso dereito, por dita causa e (…) queremos que no o sexa nin de aquí en diante defenda os nosos preitos (…) e nomeamos por tal noso curador … a Joseph Melio de Castro, o noso parente residente na freguesía de Sta. María de Portas.” Non sei que tipo de parentesco tiñan xa que non atopei ningunha proba documental que o mencionase.
Casou D. Diego con Dona Isabel González, da que descoñecemos a súa filiación. Ámbolos dous foron sepultados na capela familiar de Nosa Señora da O, da que D. Diego é patrón, ela no ano 1.705 e el no ano 1.711. Coñecese a existencia de dous fillos deste matrimonio: Joseph e Rosa.
Dona Rosa Buceta Figueroa e González casou con D. Pedro Antonio Taboada Mosquera e Valenzuela, fillo de D. Francisco Mosquera Mariño e Dona Andrea Taboada e Valenzuela, veciños de Sta. María de Paradela. Por un protocolo notarial de Francisco Antonio Oubiña, escribán de Caldas, sabemos que no ano 1.771 dona Rosa é viúva e vive na vila de Caldas de Reis; neste protocolo dá o seu poder a D. Joseph Rosendo Boceta Figueroa o seu sobriño para leva-lo bens “do vínculo e mayorazgo que está gozando”. D. Pedro e dona Rosa, a falta de descendencia, deixan herdeira dos seus bens á súa sobriña Dona Francisca Boceta Figueroa, segundo consta no seu testamento datado no ano 1.744 e que pasou ante Agustín Varela do Porto, escribán.
Segue a liña da Casa da Toma D. JOSEPH BUCETA FIGUEROA, quen incorpora ó seu apelido o topónimo da casa. Nótese que nesta xeración o apelido Boceta pasa a ser Buceta.
D. Joseph casou no ano 1.720 con Dona Paula Mosquera Taboada e Valenzuela, irmá de D. Pedro, o seu cuñado. Tense constancia de nove fillos deste matrimonio: Mª Francisca (n. 1.721), Mª Josepha (n. 1723) casada no 1.755 con Juan Antonio Martínez veciño de Sta. Eulalia de Ribadumia, Juana Isabel (n. 1.725-fª 1.742), Antonia (1.728-1.794), Ana Gregoria (1.731-¿?), Joseph Rosendo (1.733-¿?), Mª Benita (1.737-1.817), Mª Theresa (1.740-¿?) e Ignacia Benita (1.743-1.828).
Dona Benita, dona Teresa e dona Ignacia fan testamento conxuntamente ante D. Alberto Magariños, escribán, no 1.804, nel dinse veciñas do Rial, Casa dos Agriños, mandan ser enterradas na “capela da O da súa liñaxe” e deixan por herdeiro ó seu sobriño D. Santiago Buceta Figueroa.
Dona Paula morreu no ano 1.754 e D. Joseph no 1.773; na súa partida de defunción lese “En dezanove de abril do ano mil setecentos setenta e tres deuse sepultura ó cadáver de D. Joseph Buceta da Toma, dentro da igrexa parroquial desta freguesía de S. Pedro de Lantaño e nunha sepultura da capela da súa casa (…) asistiron ó seu enterro e honras doce señores sacerdotes…”

Segue a liña D. JOSEPH BUCETA FIGUEROA MOSQUERA quen casou con dona Mª Josefa Prego de Montaos Gómez de Valladares (Veciña de S. Xés de Padriñán (Sanxenxo). Sábese de catro fillos deste matrimonio: Josefa Vicenta, Rosendo, Juan Francisco (n.1.768) e Mª Juana (n. 1.769); os dous últimos bautizados en S. Pedro de Lantaño sendo os seus padriños D. Joseph B. De Silva e Taboada e a súa muller dona Francisca de Losada e Navia.
Dona Josepha Vicenta Buceta e Prego casou no ano 1.781 con D. Manuel de Prado e Lanzós fillo de D. Juan Andrés de Prado e dona María Benita Varela e Gómez veciños de S. Ciprián de Calugo (Vilanova de Arousa).
Dona Mª Juana Buceta e Prego casou o 17 de setembro de 1.812 con D. Pedro Fontenla e Barros viúvo de Dona María Antonia Barros veciño de Sta. Mª de Muimenta, fillo de D. Juan Antonio Fontenla e dona Juliana de Barros veciños de S. Cristóbal de Couso. Tivo este matrimonio por filla a dona María Dolores del Carmen (n.1.815) quen casará no 1.834 con D. Rosendo Torres y Fernández fillo de D. Juan Torres e Dona Rosa Fernández e Abal veciños de Sta. Cruz de Castrelos. Dúas fillas deste matrimonio Mª da Anunciación (n.1836) e Mª del Carmen (1.844-1.845) son os últimos nacementos na familia da Casa Da Toma que se constatan nos libros parroquiais.
Dona Juana Buceta Figueroa foi sepultada na capela de Nosa Señora da O o día 8 de xaneiro de 1.843.

De D. ROSENDO FIGUEROA E PREGO non se teñen máis datos que polo Libro de Fundacións da igrexa de S. Pedro de Lantaño no que consta como posuidor do vínculo e bens da fundación de Nosa Señora da O, polo que paga certa cantidade á igrexa.
A través do mencionado Libro sabemos que D. Joaquín Buceta como apoderado de seu pai D. Santiago (fillo, posiblemente de D. Joseph Rosendo, pero sen máis probas documentais que o testamento de Dona Theresa, dona Benita e dona Ignacia na que nomean herdeiro “o seu sobriño”) pagou “a cantidade de cincocentos trinta reais producción dos bens existentes que debe da Fundación os tres últimos anos” do 1.847 ata o 1.849. D. Deogracias Buceta Barbeito, fillo de D. Santiago Buceta Figueroa aparece como propietario do chamado Pazo do Vicerrei en S. Xes de Padriñán (Sanxenxo). Dende o ano 1.852 paga D. José Buceta ata o 1.865 pola fundación da Capela de Nosa Señora da O.

A capela da Expectación ou de Nosa Señora da O (CAPELA DA TOMA)

A capela da Expectación como xa queda dito foi fundada por D. Albaro Boceta, no último cuarto do S. XVI.
Ábrese á esquerda da nave, na igrexa parroquial de S. Pedro de Lantaño e accédese a ela a través dun arco de medio punto con moldura de casetóns refundidos. Cóbrese cunha bóveda de crucería de 17 claves; os nervios descansan sobre ménsulas con bustos representando a un papa e tres arcebispos.
Posúe dous altares con arcos rebaixados. Un deles dedicado a Nosa Señora da O cun retablo de factura popular do século XVIII presidido pola imaxe da Virxe e flanqueada por S. …………….e………………….sobre peañas. Baixo o retablo álzase un sarcófago rectangular decorado na súa parte frontal cunha cartela sobre a que se esculpe un corazón e, ocupando toda a superficie en grandes letras unha inscrición:

EXPECTO
dedicado VE
NIAT INMU
TATIO MEA
JOB 14-14
Posiblemente corresponda ó sepulcro do fundador.

O outro altar está hoxe dedicado a Sta. Cecilia, sobre el consérvanse restos de pintura posiblemente orixinais da construcción da capela. Este altar estivo antes dedicado Ás Ánimas e o retablo que o presidía está hoxe no muro sur da igrexa. De talla popular e estilo barroco, representa a Sto. Domingo, Sta. Clara e S. Francisco tendéndolle os cordóns dos seus hábitos ás ánimas en pena, para axudalas a elevarse ata o ceo. A ambos lados sobre peañas…………………….. e presidindo as escena…………..
Na parede esquerda sobre a porta que dá acceso á sancristía unha escultura pétrea do S.XVI de grandes proporcións e boa talla representa un clérigo axeonllado en actitude orante. Con toda probabilidade representa ó fundador da capela D. Albaro e posiblemente non fose ese o seu emprazamento orixinal.

Autora: Purificación Rodríguez

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.