RSS

Concepción Pérez Iglesias

Dona Concepción Pérez Iglesias

Dona Concepción Pérez Iglesias

A primeira das ALCALDESAS de ESPAÑA e MESTRA NACIONAL de PORTAS

Corresponde a Dna. Concepción Pérez Iglesias, o honor e ó Concello de Portas o orgullo de que unha muller (mestra de profesión) fora a primeira dama de España que alcanzase a dignidade de Presidenta da Corporación Municipal de Portas, e rexer os destinos do mesmo durante cinco anos consecutivos.

Naceu na cidade de Santiago de Compostela no año 1881 e vive no n.º 13 da Rúa Nova co clan familiar formado de cinco irmáns: Filomena “Monxa da Sagrada Familia de Burdeos”, Gumersinda “afamada modista en Compostela”, Adolfo “Fraile Franciscano”, Luísa, “que ingresou no convento da Merced co nome de Concepción en honor á súa irmá”, e José “Empregado de Fenosa”.

Dna. Concepción inclínase polos estudios de pedagoxía e ós 20 anos obtén o título de mestra que lle habilitaría para exercer a carreira docente. Polo ano 1907 é destinada á escola nacional de nenas do Concello de Portas para desempeñar o difícil cargo encomendado polo Ministerio, tendo que abandonar o seu nostálxico Santiago e a súa familia tan querida e quedarse para sempre neste Concello ó que dedicou gran parte da súa vida, pero toda a súa xuventude. Desempeñaba entonces a Alcaldía D. Cesáreo Belsol Oria, médico de profesión no mesmo Concello e que foi durante moitos anos, a quén o pobo debe polo menos un recordo á súa memoria. O pobo ou os seus representantes, esquécense con demasiada frecuencia de aquelas persoas que sen elas moitas das cousas que hoxe son realidade, non serían posibles, sen o seu labor calado e desinteresado.

Era Dna. Concepción de constitución recia, tirando a baixa estatura, de carácter serio, mirada penetrante e doce como para obter o respecto e o cariño de cantos lle rodeaban, traballadora e honrada en canto ó cumprimento do seu labor docente, non regateaba en esforzos para manter o número de cincuenta alumnos por aula, a fotografía con algunha das súas alumnas na súa plena xuventude o confirman.

No ano 1908 contrae matrimonio co veciño da inmediata parroquia de Godos, D. Amador Méndez Santamaría, fixando a súa residencia definitiva en Lantaño, destes amores nace o seu fillo único D. Nemesio Méndez Pérez quén seguirá os pasos profesionais da súa mai, pois estudiou a carreira de Maxisterio e foi Alcalde do Concello de Portas durante o período comprendido entre os anos 1952 ó 1960.
Levaba Dna. Concha “nome cariñoso co que se coñecía” 18 anos exercendo o seu labor docente, “tempo suficiente para coñecer a súa ideoloxía política”, cando se lle propón para desempeñar o cargo como edil do Concello, que acepta consciente da responsabilidade á que se ía enfrontar.

Ten lugar este magno acontecemento na vida política da Señora Mestra o día 9 de xaneiro de 1925, segundo se acredita coa acta que copiada literalmente di:

Xunta extraordinaria de 9 de xaneiro de 1925

Na Consistorial de Portas ós nove días do mes de xaneiro de mil novecentos vintecinco. Baixo a presidencia do Sr. Alcalde D. Cesáreo Belsol dáse comezo á sesión extraordinaria do día de hoxe previa convocatoria ó efecto.
Dáse lectura a acta da sesión anterior a que é aprobada.Seguidamente o Sr. Presidente da conta de seren designados polo Ilmo. Sr. Gobernador Civil da Provincia como Concelleiros a D. Francisco Carballeda en substitución da vacante de D. Rómulo Prada e Dna. Concepción Pérez Iglesias en substitución de D. Francisco Rivas.

E estando presentes estes dous señores, o Pleno acorda darlles posesión no acto, do cargo de concelleiros en virtude do nomeamento do Ilmo. Sr. Gobernador Civil.
Dáse lectura a continuación dun oficio de renuncia do cargo de concelleiro que presenta D. Amando Diz, e o pleno acorda admitir a indicada renuncia.
El Sr. Alcalde manifesta a continuación que el non pode desempeñar o cargo, e que polo tanto fai dimisión ante o Pleno do mesmo, acordándose tamén admitir dita renuncia despois de facer constar un voto de gracias polas súas xestións.
En vista da renuncia do Alcalde D. Cesáreo Belsol e co obxecto de cambiar de impresións sobre o nomeamento do novo Alcalde, acórdase suspender a Sesión por cinco minutos.

Reanudada a sesión para ocupar a Presidencia D. Olimpio Buceta Vidal e procédese seguidamente á elección de alcalde sendo elixido por seis votos e un en branco Dna. Concepción Pérez Iglesias a que estando presente pasa a ocupar a presidencia.O Secretario da conta a continuación de dous oficios recibidos da Xefatura de Obras Públicas da Provincia no que da conta de que a Dirección Xeral de Obras Públicas acordou preguntar ó Concello se está disposto a acometer as obras dos camiños números 216 de San Juan de Portas a Vilavedra e 123 de Briallos a Portas, en el Pleno despois dunha detida discusión na que reinou o maior entusiasmo pola pronta construcción de ditos camiños acorda facer presente á Xefatura de Obras Públicas da provincia, que está en condicións de acometer tales obras o Concello e que se desexa que a todo trance se dean comezo as obras dos indicados camiños.
O Sr. Carballeda manifesta que fai máis de seis anos que o Concello está pagando o soldo médico municipal sen que se saiba nada dos servicios que o mesmo presta e que de acordo co Estatuto Municipal debe sacarse a súa provisión en propiedade posto que ningunha praza do Concello debe estar desempeñada interinamente máis de seis meses.O Sr. Agra manifesta que o Sr. Busto que é o que desempeña actualmente a praza de médico asiste a todos cantos enfermos lle chaman.

O Sr. Elizalde adhírese á manifestación do Sr. Agra. O Sr. Carballeda fai constar que o Sr. Busto non vive no termo municipal.

Despois de discutido este asunto o Pleno acorda facer presente á Permanente, que en vista do que dispón o Estatuto Municipal, saque a praza a concurso para prover en propiedade declarar a vacante de médico municipal, que seguirá desempeñando interinamente ata a súa provisión en propiedade por D. Alejandro Busto, e que pola alcaldía se faga o oportuno prego de condicións.E non habendo máis asuntos que tratar péchase a sesión da que se estende a presente acta, que firman os señores asistentes e da que eu secretario certifico.

Firman: Cesáreo Belsol Oria, Concepción Pérez, Olimpio Buceta, José Agra, Francisco Carballeda, Andrés Barco, Manuel Piñeiro, Bernardo Elizalde y el Secretario.

O nomeamento de Dna. Concha como alcaldesa de Portas é celebrado por toda a veciñanza, as bandas de música de Lantaño festéxano con sendas serenatas: primeiro a Banda de Poza, o día 26 e ó día seguinte faino a Banda Popular de Lantaño dirixida polo gran músico e director D. Hermógenes Vila Buceta, pola labor cultural desenrolada como mestra do municipio, pois como alcaldesa non tivo ocasión de demostralo.

Da acta transcrita dedúcese que o primeiro problema a que se ha de enfrontar a Alcaldesa é: o nomeamento de médico titular, a apertura dos camiños de Portas a Vilavedra de Romai e a apertura do camiño que conduce de Briallos a Portas, esto dános idea do que era o noso municipio.

Coincide o período de Alcaldesa de Dna. Concha co momento histórico coñecido como a “Dictadura do Xeneral Primo de Rivera” momento de decadencia do reinado de Alfonso XIII.

O 28 de xaneiro de 1930 o Rei retoma as rendas do goberno tambaleante da Nación apoiado polo Xeneral Berenguer poñendo fin ó golpe de estado dado por Primo de Rivera o 13 de setembro de 1923 con consentimento do Rei.

Coa volta ó goberno do Rei, os concellos de España réndenlle unha fervorosa homenaxe a Alfonso XIII e a reina Dna. Mª Victoria, o Concello de Portas non dubida en sumarse ó acto e a Alcaldesa acompañada da súa irmá Gumersinda, con tan solo 250 pesetas e a súa placa que a acredita como mestra nacional, diríxense á capital de España para presentar os seus respectos ós Reis.

Esta viaxe ten lugar o 23 de xaneiro de 1930 coa volta do Rei ó poder. Con tal motivo, os Concellos han de ser reestructurados e cesado o persoal que se atopa ó servicio dos mesmos.

A Lexislatura de Dna. Concepción Pérez Iglesias abarca os cinco anos que transcorren desde o 9 de xaneiro de 1925 o 23 de xaneiro de 1930. Son moitos os concellos de España que reivindican o honor de posuír a primeira alcaldesa. Cabe a posibilidade de que ó mesmo tempo houbese máis dunha alcaldesa nos concellos da nación pero, primeiro o seu fillo D. Nemesio Méndez y logo os seus netos sobre todo D. Amador e Dna. Concepción Méndez Domínguez, que a calquera indicio de querer arrebatarlle a primacía da súa avoa como primeira alcaldesa de España, saíron ó paso demostrando, con todos os medios dispoñibles, que tal dignidade corresponde a súa querida avoa Dna. Concha.

Tralo seu cese como primeiro mandatario do noso Concello Dna. Concepción seguirá forxando xeracións, ata o seu traslado definitivo á Escola Nacional de Guadalupe en Santiago onde exercerá ata os últimos anos da súa vida profesional.

Ós 58 años, afectada dunha vellez prematura, falece na súa casa de Lantaño, no lugar de San Bieito, parroquia de Lantaño onde abundan os pazos e escasea a industria, lugar tan fermoso que lle cativou para sempre esquecendo o seu histórico Santiago natal.

O seu enterro ten lugar o 12 de decembro de 1939 no cemiterio parroquial de Lantaño, onde descansa á espera de que algún político encontre entre as actas consistoriais algún motivo que lle estimule ó recordo.

 

Os comentarios están pechados.