RSS

A súa vida

domingod

Biografía que aparece na revista do Colexio Público de EXB Domingo Fontán, publicada a finais dos anos 70

Naceu Domingo Fontán (ano 1788), no lugar chamado Portadeconde, pertencente ó Concello de Portas, provincia de Pontevedra.
Aínda pode verse hoxe a casa solar da súa familia, na que naceu el. Os seus pais chamábanse Rosendo e Sebastiana.
Reinaba, cando naceu, el terceiro Borbón, Carlos III, quen precisamente ese mesmo ano deu unha instrucción ós correxidores (especie de alcaldes nomeados directamente polo rei) naquel, entre outras cousas, mandáballes vixiar ós mestres de primeiras letras, posto que a ensinanza pública estaba moi descoidada. O mesmo Fontán, na súa etapa política, sendo deputado a cortes, dixo no Parlamento que el tivera na súa infancia un mestre de tan escasas luces, que a duras penas lle ensinou a ler e a escribir. Logo, o propio Fontán, ensinoulle ó mestre algo de contas, que aprendera na casa, cos seus pais.
Non se conserva a partida de bautismo de Domingo Fontán, pois as tropas francesas, durante a Guerra da Independencia, queimaron o arquivo parroquial. Figura, no seu lugar, no Museo de Pontevedra, un documento firmado por un párroco de Portas, unha vez terminada a guerra, no que acredita que Don Domingo Fontán, foi bautizado o mesmo día e ano do seu nacemento: 17 de abril de 1788.
Foi Fontán (segundo uns breves apuntes autobiográficos que redactou poucos anos antes da súa morte) “hijo de padres de no escasa fortunha y sobrino de dos tíos eclesiásticos, cura párroco el uno de ellos na villa de Noya”. Quizá se refira a este cando no Parlamento confesa deber a súa educación, nos primeiros anos da súa vida, a un tío sacerdote.
A temperá idade aprendeu inglés e francés; máis tarde latín, na parroquia de Barro.
Moi pouco ou nada, como vedes, podemos dicir da súa infancia, pois non encontramos datos sobre este punto. Votemos, pois, a voar a imaxinación e figurémonos a Domingo Fontán, xogando con outros nenos de Portadeconde por eses campos de Deus, ouro de viñedos baixo a caricia do sol nun día dos primeiros de outono. Todos os nenos, nos primeiros xogos, son iguais, pois a inocencia que define a infancia é sempre a mesma. Nada importa que a época que a el lle tocara vivir fora moi distinta da que vosoutros, cando erades pequenos, coñecestes. Non había tractores nos campos, automóbiles nas estradas, nin radio, nin cine, nin televisión. Incluso os xogos difiren moito dos de entonces; pero a esa idade, non; a esa idade non cambian nunca. A todos os nenos lles gusta correr, saltar, esconderse entre as árbores, mollar os pés na auga (canto máis sucia mellor) sentarse na terra, collela logo a puñados e contemplar, embelesados, cómo se vai deslizando entre os dedos.
Pois todo eso faría Fontán, cando era neno. ¡Quén sabe cantas veces os haberedes sentado na mesma pedra onde el se sentou! ¡Cantas rubistes á mesma árbore! Respirades o mesmo aire, vedes as mesmas cousas, pisades os mesmos camiños.
Domingo Fontán, foi un neno como vosoutros, nin más nin menos. Intelixente e aplicado eso si (tamén vosoutros o sodes), pero cada quen ten un destino que cumprir. El estaba chamado a ser un gran xeógrafo, e a tal fin dedicou toda a súa vontade, todo o seu tesón, todos os seus desvelos. Aínda adolescente, trasladouse a Santiago para matricularse na súa Universidade. Alí doutorouse en Filosofía e Teoloxía Moral, estudiando así mesmo a carreira de Leis.
De alumno, pasados os anos, converteuse en profesor, e así, na solemne apertura do curso 1811-1812, pronunciou a lección inaugural dirixindo a palabra a profesores e alumnos na mesma Universidade, na que el se doutorara en dúas carreiras.
Pouco despois foi nomeado profesor das cátedras de Lóxica y Metafísica, e, ó ano seguinte, da de Matemáticas. Nesta fecha foi así mesmo nomeado presidente da Academia de Filosofía.
A Guerra da Independencia, mentres tanto, terminara. Botado de España Xosé Bonaparte, polos exércitos españois tralas victorias de Arapiles e San Marcial, volveu a España, Fernando VII, que estivera retido en Baiona (Francia), por Napoleón. Fernando VII, aboliu a Constitución de 1812 (de corte liberal) e restaurou o absolutismo. Entonces comezou unha verdadeira persecución dos liberais, da que non se librou Domingo Fontán, ó igual que todo o claustro de profesores da Universidade de Santiago. Pero a Audiencia de Galicia absolveuno dos seus cargos.
Non habería de ser esta a única vez que a envexa e a vileza pretenderon cebarse nel. En dúas ocasións máis foi denunciado valéndose de inxurias e calumnias. O seu elevado prestixio e a súa perfecta conducta lograron que a acción non prosperase.
A título de curiosidade, diremos que era un gran defensor da virtude das augas medicinais. Nun discurso, denunciando os abusos dos médicos dos balnearios, proclamou a súa fe neles, dicindo: “Yo he tomado baños y a ellos debo mí salud”. Foi precisamente en “Santa María dos Baños de Cuntis” onde encontrou a morte, a causa dunha cistite (1866). Morreu ós 78 anos de idade. A súa esposa, Dona Manuela Riva, a penas se lle sobreviviu un ano.
Debeu de existir, fai bastante tempo, unha confusión sobre o lugar da morte de Fontán, xa que nun escrito do profesor Filgueira Valverde, datado en 1945, di textualmente:“Murió en Santa María dos Baños de Cuntis, y no en Santiago”.
De esta aclaración parece deducirse que algún ou algúns historiadores afirmaban que morrera na cidade do Apóstolo, co que a cuestión, se en efecto existiu, quedou así saldada, xa que no poder do Museo obra a súa partida de defunción, así como a súa esquela mortuoria.
Domingo Fontán, era home sinxelo, como o demostrou en numerosas ocasións. Para realizar o seu mapa de Galicia, recorreu leguas e leguas por sendeiros escarpados, tortuosas corredoiras e desertos montes das catro provincias galegas.
Ía, as máis das veces, montado nun burro e acompañado de dos gardas, sen dúbida por temor ás feras ou para protexerse dun ataque dos salteadores de camiños, que tanto abundaban en aquela época. E por eso, véndoo pasar unha e outra vez tal como escribimos, os aldeáns acostumaban dicir, que o señor Fontán, non necesitaba para o seu traballo, máis que “un anteollos, un compás, un sextante, un par de gardas e un burro”.

Autor: D. José Osorio

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.