RSS

Pazo de San Bieito

O pazo de San Bieito está situado no Rial; a súa orixe remóntase ó século XV, pero dos seus moradores non atopei probas documentais ata o século XVIII. A única pista a seguir dánola D. Joseph Losada Navia cando fala dos seus petrucios e sitúa a un Gonzalo Boceta do Rial como procedente do tronco dos Bocetas “antigamente Macetas e procedentes de Biscaia)
Sabemos por protocolos notariais que no ano 1.712 D. Andrés Boceta de Losada (Ver Casa de Outeiro) declárase veciño do Rial. De 1.742 é outro protocolo notarial no que a súa viúva dona María Antonia de Navia Mariño e Abal e a súa filla dona Francisca Losada de Navia se declaran veciñas do Rial.

 Autora: Purificación Rodríguez


Situación.- Aldea de O Rial, parroquia de San Pedro de Lantaño.

Orixes.- Século XVIII.

Caracterización.- Este pazo, en magnífico estado de conservación, componse de torre e edificio unido, dispostos en planta de “U”, orixinando un patio interior, de reducidas dimensións pero sumamente acolledor, limitado polo muro de cerre no que se abre un portalón brasonado con notable frontón circular flanqueado por pináculos e coroado por unha cruz. E xa que mencionamos a torre, hai que deixar constancia da súa magnífica fábrica e equilibradas proporcións; construída como recordo das primitivas torres que deron orixe a moitos dos nosos pazos, do seu remoto orixe como mansións de carácter feudal é así recordado. En San Bieito, a torre e o citado muro de cerre no que se abre a porta de acceso ó patio ofrecen unha visión de conxunto de gran estética e harmonía.

En diversas dependencias realizáronse reformas, en xeral acertadas, que, no seu conxunto, dan á casa a personalidade do vivido, mérito que temos que recoñecer á súa última propietaria.

Fundación deste pazo é a capela de San Bieito, á que fixemos alusión ó falar do veciño pazo de O Outeiro.

A finca de San Bieito, aínda que afectada nuns 15.000 metros cadrados polas obras da autopista, mantén a súa enorme importancia ecolóxica e medioambiental, alternándose na súa superficie valiosas especies entre as que hai que destacar unha gran magnolia, un ciprés, varias camelias e, no chamado “rincón de la fuente”,vellos buxos que dan sombra ó relaxante lugar, que se completa cun lavadoiro e unha fonte de auga fresquísima.

Dous son os hórreos que testemuñan a importancia agrícola que tivo a casa: un de respectable lonxitude, ó punto que a súa cámara se sustenta sobre sete pares de pés; o outro, máis pequeno, de tres claros. O antigo pombal e a construcción anexa foron habilitados como pequena pero cómoda e agradable vivenda.

Escudos.- Presidindo o frontón do portalón, un escudo ovalado sobre unha cartela ten o seu campo dividido en oito particións, en cada unha das cales están representadas as armas dos Caamaño, Villar de Francos, Sotomayor, Losada, Pereira, Bermúdez (tal vez Ulloa, pois os escaques van cargados con bandas), Moscoso e Castro. Tímbrase con helmo volto á sinistra e complétase coa inscrición “AÑO de 1791”.

Outro escudo atópase situado no patio, no lugar habitual, e mostra seis particións desiguales nas que se distribúen, segundo notas que nos facilitou Hipólito de Sa, as armas dos Gil, Somoza, Agar, Cardecid, Sarmiento, Soutomaior, Mariño e, sobre todo, Figueroa. Leva por timbre un helmo que mira á destra do que saen plumaxe e lambrequíns.
A falta da documentación -no seu día facilitada a Fermín Bouza Brey (q.e.p.d.)- que non volveu ó arquivo do pazo, as armas citadas falan dos numerosos entronques do pazo de San Bieito e da súa importancia ó enlazar con liñaxes tan ilustres, deducíndose da súas análises a relación que debeu ter con outros pazos veciños, como Torre Penelas e O Outeiro, na propia parroquia de San Pedro de Lantaño, e Souto de Poio e incluso A Peroxa, na de Santa María de Portas.

Estado de conservación.- Moi bo.

Última propietaria.- Dª Trinidad Albarellos Maquieira, que o herdou do seu tío-avó D. Benito Pérez del Reino.

Bibliografía:Inventario PAZOS Y TORRES de la provincia de Pontevedra.
De Juan M. López Meléndez y Grato E. Amor Moreno

Editado por: Exma. Diputación Provincial de Pontevedra 1997


Xenealoxía

Casou dona Francisca de Navia (1711-1770) en primeiras nupcias no ano 1.743 con D. Francisco Martínez de Rozas (¿? – 1751). Tivo este matrimonio tres fillos que morreron sendo bebés?.

Casou en segundas nupcias dona Francisca con D. Joseph Benito de Silva e Taboada. Figura D. Joseph no Catastro da Ensenada (1.751) como fidalgo, residente no Rial en S. Bieito, constan na súa compañía amais da súa dona a súa sogra dona María Antonia que morrerá na Casa de S. Bieito no ano 1.757. Morreu dona Francisca sen descendencia no ano 1770.

No ano 1777 aínda non se repartira a herdanza de dona Francisca e vivía en S. Bieito o seu home, segundo consta da doazón que fai dona Josepha Losada –irmá de dona Francisca- “do que lle poida corresponder da herdanza da súa irmá ó seu sobriño D. Remigio Losada”. Non se sabe exactamente cando cambia de mans o pazo, pero segundo o testamento de D. Alberto Pérez ante D. Josef Domingo Albarellos en 1.809, fixera don Alberto escritura de doazón vincular da Casa e Granxa de S. Bieito a favor do seu fillo D. Francisco, no ano 1789 ante D. Alberto Magariños; documento que desgraciadamente non se conserva.

Proceden D. Alberto Pérez e a súa dona Dona Mariana Vidal de S. Pedro de Cea lugar de Castro Agudín. Consérvanse no Arquivo Histórico varios protocolos notariais correspondentes a compras feitas en Lantaño e arredores por D. Alberto a partir do ano 1787; neles declárase veciño de S. Pedro de Lantaño.
Tiveron D. Alberto de Dona Mariana dous fillos, Dona María Francisca e D. Francisco.
Dona Mª Francisca casou con D. Lorenzo Rodríguez Señoráns, herdeiro de Casa Perrín (Ver Casa Perrín).

D. FRANCISCO PÉREZ, herdeiro do vínculo de S. Bieito, casou con dona María del Carmen Piñeiro e Moure, filla de D. Antonio Piñeiro e Dona Victoria de Moure e Losada. Morreu D. Francisco no ano 1830 e foi enterrado en Santa María de Godos. Tivo este matrimonio tres fillos, Mª Victoria, Joaquina e Alberto.

Dona María Victoria Pérez Piñeiro casou no ano 1830 con D. Fernando Amor de Castro, fillo de Miguel Benito Amor de Castro e Manuela González e Vález da Casa de ………en Sta. María de Perdecanai.

D. ALBERTO ANTONIO PÉREZ PIÑEIRO (1808-1864) casou con dona Teresa de Reino Ruibal, filla de D. Benito de Reino Maneiro e dona Juana Ruibal Bubiller. Dona Teresa morreu no ano 1922 e foi enterrada en S. Pedro de Lantaño, na súa partida de defunción declárase que era natural de Trabanca, Casa da Golpelleira. Tivo este matrimonio por fillos a Mª Claudia, Benito e Avelina.

Autora: Purificación Rodríguez


 

 

 

Os comentarios están pechados.