RSS

Un pouco de Historia

Os restos arqueolóxicos máis antigos coñecidos en Galicia remóntanse ó Paleolítico Inferior. Esparexidos pola nosa xeografía atópanse xacementos pertencentes ó complexo técnico achelense. Asemade atópanse restos do Paleolítico Medio e do Superior.

O paso da economía baseada en caza-recolección agrícola e gandeira xorde do Oriente Medio e dende alí espállase polo resto do mundo. A súa chegada a Galicia, procedente do sur coincide coa cultura megalítica.

O megalitismo desenrólase no noso país durante o 4º e 3º milenio a. de C. Caracterízase pola construcción de túmulos ou mámoas dunhas dimensións que oscilan entre 10-30 m. de diámetro e 3-5 m de altura. Cubrían cámaras sepulcrais de forma poligonal ou circular con ou sen corredor construídas a base de lousas.

Desta época, concretamente da fase coñecida como Neolítico-Calcolítico temos en Sta. Mª de Portas tres mámoas segundo consta nos apuntamentos da Dirección Xeral De Patrimonio:

Ó pé do Monte do Castro unha mámoa duns 16 m. de diámetro e unha altura de túmulo de aproximadamente 1 metro.

O monte do Castro desde a Igrexa

O monte do Castro desde a Igrexa

No Liñar, a coñecida como Cardadeira con 30 metros de diámetro e 2´30 de altura. Parecen existir indicios de corredor cara ó leste.

O Castro en Porta de Conde, unha mámoa de 20 metros de eixo N-S e 16 metros E-W; a súa altura 1´50 metros.

Pasando xa á Idade do Bronce, da fase media concretamente (cara a 1.500 a. de C.) consérvase no Museo de Pontevedra unha machada plana de fío campanulado, do tipo coñecido como Barcelos clasificada por Luis Barcelos Monteagudo como Tipo Barcelos II D.

Unha machada de talón con dúas anelas (hoxe desaparecida) achouse no monte da Mourenta, no lugar de Casal en Lantaño. Este tipo de machadas é propio dunha fase do bronce máis avanzada que a anterior.

Cara a ó século XII a. de C. comezan a detectarse no territorio galaico os primeiros síntomas dunha intensificación dos contactos atlánticos, que a partir dese momento se converterán no factor clave do desenrolo da poboación galega durante o último milenio a. de C.

O Castro de O Outeiro

O Castro de O Outeiro

A partir dos séculos IX-VIII a. de C. prodúcese o verdadeiro despegue da Idade do Bronce coa intensificación dos contactos atlánticos unida ó propio dinamismo das comunidades galaicas. Durante esta etapa de finais da Idade do Bronce vaise producindo o cambio gradual de asentamento que dará lugar á eclosión do mundo castrexo.

Desde un momento impreciso que podemos situar cara a o século VIII a. de C. vanse dar unha ampla serie de transformacións, entre as que a máis visible será a aparición dos primeiros poboados de carácter estable que pervivirán ata os séculos II-III d. de C.: os castros.

No concello de Portas temos constancia de dous castros, dos que non existen traballos arqueolóxicos serios. As notas aquí mencionadas corresponden ás recollidas pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Monte do Castro. Lugar de Piñeiro (Sta. Mª de Portas). Corresponde á Idade do Ferro, trátase dun castro cun só recinto habitacional, con defensas naturais de terraplén. No interior obsérvanse restos de pedras en disposición de muros. Atopáronse no seu interior fragmentos de cerámica castrexa, muíños de man e anacos de ladrillo.

O monte do Castro desde a Igrexa

O monte do Castro desde a Igrexa

Monte do Castro. Lugar de Romai Vello (S. Xiao de Romai). Da mesma época do anterior, cun só recinto habitacional e rodeado de terraplén. O seu límite é pouco perceptible desaparecendo no S.SW. Na parte N. Destaca o que puidese ser un anaco de muralla. Atopáronse no recinto restos de cerámica castrexa e ánforas romanas. Igualmente muíños de man circulares e do tipo de “cadeira de montar”.

Coa chegada dos romanos inícianse os tempos históricos, e con eles a primeira evidencia escrita da existencia dun asentamento humano no concello de Portas.

Trátase dun fragmento de ara votiva de granito do século I ou como moito de principios do S.II. Polo seu deterioro, non se recoñece a forma orixinal, pero tiña base e cornixa. Atopado a finais de 1975 ou principios de 1976 ó abrir unha gabia, na área coñecida como O Peso en Romai Vello. Ofrece o sitio tódalas características dun pequeno centro ritual, relacionado cos moradores do castro e co culto ó deus Cosus. Cosus é unha das divindades indíxenas máis frecuentes no Noroeste, pero, curiosamente só se documenta neste lugar en toda a provincia de Pontevedra aínda que é posible que unha ara atopada en Curro (Barro), pero moi deteriorada, estea tamén dedicada a este deus. Cosus é un deus guerreiro, violento, ó que se lle ofreceron nos primeiros tempos incluso sacrificios humanos.

Incripción romana sobre o deus Cosus

Incripción romana sobre o deus Cosus

A parte que subsiste da ara é a parte que se corresponde coa dedicatoria.

Lese:
Deo Co-
se So-
agoe A-
u Victo-
r s v.s.l.m.

Lectura segundo G. Baños:

Deo Cosoe Soaegoe, Aus Victoris v (otum) s (olvit) l (ibens) m (erito).
“O deus Coso Soaegoe, Aus, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido”

Como notas curiosas destacar que mentres o nome do pai é romano, o do fillo, indíxena, e que Victoris é un cognome moi pouco frecuente na Península Ibérica, concretamente en Pontevedra só aparece aquí.

Restos romanos topáronse tamén na Estación e en Parada (Sta. Mª de Portas). En Parada un muíño de man completo e unha peza doutro, máis restos de cerámica.
Con respecto á Estación recollemos unha nova publicada en “La Opinión” o 10 de marzo de 1899: “Atopáronse dous ladrillos de gran tamaño e con marcas, recollidos por D. Xosé Búa dunha sepultura romana achada con ocasión dos traballos da vía férrea. Fronte á mesma estación do ferrocarril en dirección norte, comprobouse a existencia de sepulcros de tégulas”.

Cadaleito antropomorfo (atrio da Igrexa parroquial)

Cadaleito antropomorfo
(atrio da Igrexa parroquial de Romai)

Por último, para rematar xa co período romano, reseñar que practicamente con toda seguridade por algún lugar non determinado da parroquia de S. Cristovo de Briallos, pero que ben puidese coincidir co Camiño de Santiago Portugués, pasaba a vía romana coñecida como a número XIX segundo os últimos estudios realizados polo arqueólogo Antonio Peña. Basease en consideracións de orde lóxica e na presencia de miliarios entre Tui e Padrón, ó longo da Depresión Meridiana. A análise das distancias reseñadas nos miliarios permitiu localizar as diferentes mansións que segundo o Itinerario cruzaba a vía XIX no seu tramo meridional a partires de Bracara Augusta: Limia, Tude, Burbida, Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas) e Iria.

A crise do século III marca o comezo da decadencia do Imperio Romano que culminará coa súa descomposición ó irromper no século IV os pobos xermánicos.

As fontes relativas ó período que se estende dende a conquista sueva ata a redacción da Compostelán a comezos do século XII son moi escasas.

O que si se pode afirmar é que Galicia foi influída pola presencia xermánica suevo-visigoda. Dende a romanización ponse en marcha un proceso económico-social caracterizado polo abuso de asentamentos castrexos e o establecemento dunha xerarquía baseada na propiedade da terra. Ese proceso non se rompe coa invasión musulmana.

Durante o período Altomedieval mantéñense as vías romanas e xorde como centro de organización espacial a vila que se pode identificar co que hoxe é a aldea cuns límites precisos e marcados. A vila aparece integrada por un conxunto de casais. Como testemuña desta forma de asentamento conservamos varios topónimos no Concello. Así: Casal (Sta. Mª de Portas e Lantaño), Cimadevila (Briallos), Vilavedra (Romai).

Durante estes séculos un feito de suma importancia que marcará a historia e a arte é a cristianización. Figuras claves son S. Martín Dumiense, S. Fructuoso e xa no século X S. Rosendo gran impulsor da restauración da vida monástica e iniciador da reforma benedictina.

Precisamente en relación á vida monástica aparece documentado por primeira vez o topónimo Lantaño, facendo referencia ó mosteiro benedictino de Lantaño. Trátase dun preito no que intervén o bispo Sisnando e que remata co reparto das salinas que uns moradores en Terra de Salnés (territorio Saliniense) construíran en lugares usurpados á raíña Dona Aragonta e ó conde D. Pelaio, herdeiros dos condes D. Gonzalo e Dona Tareixa.

No reparto concédese unha parte para os mosteiros de S. Lourenzo de Nogueira, Piloño, Lantaño, Pesegueiro e Carboeiro (c.960). É moi probable que o mosteiro de Lantaño fose fundación da familia do conde D. Gonzalo, ou, alomenos, restaurado por eles.

O mosteiro aparece repetidamente entre os documentos de Armenteira de quen pasou a depender a mediados do século XII. A través del temos noticia dos viños que alí cultivaban os monxes, e das protestas que fixeron ante o Xeral da Orde, despois que Armenteira se unise á Congregación de Castela porque “o viño mellor era levado para León e Castela e deixaban sen nada ó mosteiro que o cultivaba”.

Resulta indubidable a grande influencia da Orde de S. Bieito en toda a comarca, remarcada pola fe da xente no Santo e a afluencia de romeiros ó seu santuario ó longo dos séculos. Primeiramente á ermida de S. Bieito do Monte presente no testamento de Fernán García Barba de Figueroa (1473) “mando a San Bieito do Monte doÇentos pares de brancas para repartimento da súa ermida do monte” e unha vez desaparecida esta á actual de S. Bieito no lugar que hoxe leva o seu nome.

A capela de S. Bieito do Monte debeu ser unha capela importante xa que nas Memorias da Mitra Compostelá do Cardeal Xerónimo del Hoyo (1607) fai referencia a ela e sinala “tiene renta”. Por outra banda Pérez Constante no Diccionario de artistas gallegos constata que o Mestre Cabrera a costa das Confrarías esculpiu un retablo para esta capela no ano 1640.

Fachada principal do Pazo de San Bieito

Fachada principal do Pazo de San Bieito

Con respecto ó emprazamento do mosteiro e da ermida (que probablemente formara parte del na súa orixe) non sería moi escabelado situalo no Rial, nas inmediacións ou incluso no mesmo pazo de S. Bieito polo nome que toma o pazo.

En Sta Mª de Portas tivo tamén o mosteiro de Armenteira unha granxa coñecida como Granxa Paraíso (topónimo que se conserva). Fernando II, en 30 de abril de 1165 dona ó mosteiro de Armenteira a herdade chamada Paradisus, que esta en “Sanctam Mariam de Portis”. Noutro documento da mesma data confirma a mesma doazón e a que do lugar de Paradisus fixera ó mosteiro Juan Arias e Urraca Fernández. No ano 1347 os monxes de Armenteira aforaron a uns veciños de Lantaño a granxa cedéndolle tamén os dereitos sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites dela.

Sería interesante estudiar o lugar de Sta. María coñecido como A Graña, xa que este topónimo fai referencia á existencia dunha antiga fundación eclesiástica menor ó priorado.

Para rematar coas fundacións monacais mencionar o pequeno cenobio de S. Cristovo de Briallos dependente do mosteiro de S. Paio de Antealtares e convertido en priorado de S. Martín Pinario trala súa anexión. A construcción actual é un edificio de finais do século XVIII e principios do XIX; unha inscrición na fachada data do 1802 e outra nunha ventá interior de 1746. O portalón de entrada presenta arco adintelado sobre a cornixa ameas e imaxes. Planta en L bastante reformada, posúe dúas plantas (baixo e piso). No patio, un dos lados consérvase ameado e a súa porta é adintelada con mochetas.

Autora: Purificación Rodríguez

Un pouco máis de Historia

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.