RSS

Souto de Poio

soutodepoio12b Situación.- Aldea de Souto de Poio, parroquia de Santa María de Portas. Orixes.- Século XV.

Apuntes históricos.- Temos que agradecer a D. José Luis Piñeyro y Salvidegoitia,actual propietario de Souto de Poio, a xenealoxía que do tronco principal desta casa-torre nos facilitou, da súa lectura veu a confirmar as liñaxes que, da análise da heráldica labrada nos numerosos escudos que brasonan varios dos elementospacegos, catalogaramos previamente. Respectando o documento recibido, enumeramos os sucesivos titulares do pazo comezando por:

1) Jácome Prego de Montaos -fillo de Juan Estévez y Prego de Montaos, señor do coto e torre de Souto de Poio- casou con María Fernández de Figueroa y Valladares -filla, pola súa parte, de Alonso Martínez e de Leonor de Meira y Valladares- e foron pais de dez fillos. Sucedeulle:

2) Elvira Prego de Montaos, que casou con Gómez Arias Mosquera, da liñaxe dosVarela da casa de Quindimil (Palas de Rei) e señor do coto de San Martiño, Abanqueiro e promotor, en 1585, da casa de Agüeiros, en Cespón (Boiro). Dos seus catro fillos foi o sucesor:

3) Jorge Arias Varela de Dubra, consorte de Ana de Barbeito Falcón y Velasco, de quen tivo ó abade Antonio Sarmiento y Valladares e ó herdeiro:

4) Baltasar Varela Sotomayor, militar que alcanzou o emprego de capitán e cun primeiro matrimonio con Maria Caamaño y Mendoza resultou estéril. Non así en segundas nupcias, con Isabel de Ulloa y Ribadeneira, que lle deu cinco fillos, sucedéndolles a filla menor:

5) Antonia Francisca Varela y Ulloa, con quen se establece o entronque coa Torre do Monte (Padrón) e coas casas de Cecebre, Dodro e Lestrove ó casar co sucesor nestas, Carlos de la Torre Romay y Sotomayor, cabaleiro de Santiago, xentilhome de Carlos II. Das dúas fillas habidas deste matrimonio foi sucesora:

Capela do Pazo de Souto de Poio

Capela do Pazo de Souto de Poio

6) Juana de la Torre y Varela, quen aportou a súa facenda ó marquesado de Bendaña, do cal o II titular era o seu esposo, Juan Benito Piñeyro y Ulloa, rexedor Perpetuo de Betanzos, cabaleiro de Santiago, colexial maior de Cuenca e tamén vizconde de Parderrubias. A estes débese o formidable palacio barroco da praza santiaguesa del Toral, levantado baixo planos de Clemente Fernández Sarela cara 1740. Tres fillos tiveron os marqueses e o herdeiro foi:

7) Andrés Piñeyro y de la Torre, que foi esposo de Joaquina Maldonado y Suárez de Deza, pertencente á casa de Láncara, en terras lucenses. Sucedeulles o seu único fillo:

8) Gregorio Piñeyro y Maldonado, herdeiro do vasto patrimonio que foron acumulando os seus antepasados, acrecentado cando casou con Andrea de -las Casas y del Águila, filla dos marqueses de Santa Marta. Entre os seus seis fillos, aparte do herdeiro, cabe sinalar a Gerónimo Piñeyro y de las Casas, coronel de Artillería, secretario da Asemblea da Orde de Malta, cabaleiro de San Xoan, gran cruz da Orden de San Hermenexildo; a súa destacada participación na guerra da Independencia fíxoo acredor ó recoñecemento de Benemérito pola Patria; recoñecéuselle internacionalmente a súa labor científica, en parte plasmada en algunhas publicacións; a el débense a colección de minerais que legou á Universidade de Santiago e a repoboación da finca da súa casa de Caldas de Reis. O seu irmán maior e primoxénito foi:

9) Antonio Piñeyro y de las Casas, que casou coa filla dos marqueses do Real Tesouro, chamada Tomasa Manuel de Villena y Vera, da que tivo seis fillos, recaendo a sucesión en:

10) Buenaventura Piñeyro y Manuel de Villena, Grande de España de 1ª clase, en quen recaeron os títulos citados, ademais dos condados de Canillas e Villalcázar de Sirga e a baronía de Molinet, que distribuíu entre os seus fillos varóns, habidos da súa esposa Mª Antonia Aguilar y Fernández de Córdoba, filla dos marqueses de la Vega de Armijo. O marquesado de Bendaña e a Grandeza de España foron para Tomás; a baronía de Molinet levouna Buenaventura e o condado de Canillas, coa casa e torre de Souto de Poio, correspondeu a:

11) Antonio Piñeyro y Aguiar, que tamén herdou as casas de Cimadevila e Agüeiros. A súa esposa, Mª Asunción Diago y Tirry, fíxolle pai de cinco fillos, entre os que se encontra o sucesor.

12) Francisco de Asís Piñeyro y Diago, que casou con Mª Carmen Caramés y Areán,da que tivo a:

13) José Luis Piñeyro y Caramés, quen, do seu matrimonio con Mª Begoña Salvidegoitia y Beltrán de Heredia, tivo seis fillos, continuando a liña de primoxenitura:

14) José Luis Piñeyro y Salvidegoitia, actual conde de Canillas e propietario da casa e torre de Souto de Poio. Está casado con Mª Francisca Molina y Poch, da que ten tres fillos.

Entrada principal cara o Pazo de Souto de Poio

Entrada principal cara o Pazo de Souto de Poio

Caracterización.- Desaparecido o antigo camiño real, o acceso ó pazo a través de pistas forestais presentaba unas dificultades que se viron incrementadas como consecuencia dos desterros efectuados para o trazado da actual autopista do Atlántico, que atravesa o lugar no que está situado e que afectou a boa parte das 32 hectáreas de monte alto inmediato ó pazo.

Pero do que non deixamos constancia entonces foi da existencia da primitiva entrada, orientada cara o nordeste, que se abre no muro de cerre da finca e que bordea a pista asfaltada pola que tamén se accede a un primeiro portalón con porta de arco adovelado; un camiño bordeado por abundante foresta conduce a un segundo portalón, situado a man esquerda e de factura similar ó anterior, a partir do cal o camiño se quebra en ángulo recto e, salvando un terceiro e último portalón -tamén con porta de arco de medio punto de dovelas, brasonado por partida dobre e coroado por almenas -unha das cales leva esculpido o anagrama “JHS”-, sitúanos no amplo patio que se dispón ante a fachada do edificio principal, constituído por un corpo rectangular do cal as plantas baixa e alta as define exteriormente unha moldura corrida que se quebra a modo de alfiz para salvar a dovelaxe do arco de medio punto que perfila a porta. A este corpo de edificación, polo seu extremo dereito, atópase unida a torre, de planta lixeiramente cuadrilonga, cumprido contrapunto defensivo dotado dunha altura máis que aquel cunha porta, que parece réplica da da casa, e ventás nas súas plantas superiores; cóbrese con teitume a catro vertentes e, á altura do aleiro, complétase cunha batería de gárgolas que lle imprimen carácter de canoneira.

Pola súa parte S.O., o patio limita cun edificio secundario, de planta en “L”, habilitado como vivenda. Cara o lado oposto ten o seu emprazamento o hórreo de madeira, sostido por 8 pares de pes, e, dando fronte á torre, o edificio destinado a capela, máis alá do cal está o pombal, en estado ruinoso e cuberto pola maleza. Non moi lonxe encóntranse a fonte e o lavadoiro.

O conxunto, pola súa calidade arquitectónica, dependencias anexas e entorno, é merecedor de que as reparacións que os seus propietarios acometeron, fai xa bastantes anos, teñan continuidade e se completen cunha rehabilitación integral.

Escudos.- En Souto de Poio tense a oportunidade de someternos a un verdadeiro exercicio de práctica heráldica, pois contabilizamos ata oito escudos, todos eles cuartelados en cruz, distribuídos así:

soutodepoio07Fachada principal.- Tres escudos ó nivel do piso superior; no da esquerda están representadas as armas dos Prego de Montaos, Figueroa, Valladares -armas que se repiten nun dos escudos do citado pazo de Agüeiros- e un cuarto liñaxe que non puidemos determinar: sobre unhas ondas, unha figura masculina, de perfil, mira cara a destra e vai tocada coun sombreiro con pluma, que recorda a forma dos tiroleses, e se apoia nunha espada que leva na súa man dereita; está acompañada, nos cantóns do xefe, dunha estrela no destro- e dunha venera -no sinistro-; tras ela, un cuadrúpede sostense sobre as súas patas traseiras. As armas que figuran no segundo escudo, situado sobre a porta principal, corresponden ós Prego de Montaos, Valladares, Castro e Sarmiento. As do terceiro, situado moi cerca da torre, repite as anteriores, pero alterando a orde no dos cuarteis: Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento.

Torre.- Un escudo entre as dúas ventás da planta superior exhibe as armas dos Varela, Ulloa, Sotomayor e Mariño, liñaxe este que se ve reforzado pola sirena que o rodea cos seus brazos.

Edificio secundario inmediato.- Á dereita da súa fachada principal, tamén abrazado pola sirena dos Mariño, un quinto escudo leva por armas as dos Varela, Barbeito, Sotomayor, Mariño e Padrón.

Capela do Pazo de Souto de Poio

Capela do Pazo de Souto de Poio

Capela.- Esculpido sobre a porta practicada no seu frontis, é o máis pequeno de todos e repite armas dos Prego de Montaos, Ulloa, Castro e Lobeira.

Terceiro portalón.- O escudo da esquerda representa a mesma heráldica que o da fachada do edificio principal citado en terceiro lugar, esto é, Prego de Montaos, Castro, Valladares e Sarmiento; o da dereita leva por armas as de Varela, Ulloa, Mariño e Sotomayor, ademais da sirena dos Mariño na súa clásica postura. Esta labra tráenos á memoria un dos escudos que forman parte da colección heráldica integrada na Sección Lapidar do Museo Provincial de Pontevedra, situado no exterior da ábsida das ruínas da igrexa do mosteiro de Santo Domingo e catalogado por Luis E. Messía de la Cerda y Pita (q.e.p.d.) na súa última obra “Labras Heráldicas del Museo de Pontevedra. Ruinas de Santo Domingo”, segundo dunha colección de tres volumes dedicados a inventariar os escudos existentes na capital provincial. Por desgracia, a morte sorprendeu a Luis cando preparaba o terceiro libro. Pois ben, no citado escudo figuran os brasones dos Varela, Mariño, Sotomayor, Ulloa (armas que coinciden coas que acabamos de ver), ademais dos de Lobeira e Ribadeneira, o que nos confirma a relación de Souto de Poio coa liñaxe de Jorge Varela de Dubra y Mariño de Goyanes,señor das casas de Quindimll (Palas de Rei), Goiáns (Lampón-Boiro), etc. e que levaban os seus ascendentes, ademais dos citados, os apelidos Arias, Ulloa, Taboada, Sotomayor, Caamaño, Mendoza, Montenegro, Fandiño, Gómez, Mosquera, Oanes (Yáñez), Romay, etc.

Estado de conservación.- Exteriormente aceptable, pero non apto para habitar. Reiteramos o noso desexo manifestado liñas atrás.
Propietario actual.- D. José Luis Piñeiro y Salvidegoitia, XI conde de Canillas, mercé á carta de sucesión expedida en 16 de abril de 1971.

Bibliografía: Inventario PAZOS Y TORRES de la provincia de Pontevedra.

De Juan M. López Meléndez y Grato E. Amor Moreno

Editado por: Exma. Diputación Provincial de Pontevedra 1997

 

Os comentarios están pechados.