RSS

Un pouco máis de Historia

Os actuais Concellos son unha creación de finais do século XIX. Suprimidas as históricas Xurisdiccións, as mesmas dan paso ós actuais “Concellos”.

A patria chica de Domingo Fontán, pertenceu á chamada “Xurisdición de Peñaflor”, integrada polas parroquias de Portela, Curro, Agudelo, Baliñas, Romai, Portas, San Andrés de Cesar, Gargantáns, San Martiño de Laxe, Santa Xusta de Moraña, Cosoirado, Santa Cruz, Chozas, Rebón, Barro e Perdecanai.
Actualmente integran o Concello de Portas as entidades parroquiais de Briallos, Lantaño, Portas e Romai.

As orixes desta parroquia ó igual que o de todos os pobos de Galicia, son farto confusos e nebulosos. O P. Sarmiento na súa “Viaxe a Galicia”, realizado polos anos 1754-1755, alude á posible orixe desta zona:

“Portas feligresía, a la derecha está la iglesia. Aquí se registran tres puertas o entradas para el territorio de Salnés. Yo entré por el medio. A mi izquierda quedaba una puerta entre dos montes, y otra a la derecha por donde van unidos los ríos Umia y Avermaña, a la Puente Arnelas y Salinas. Así creo que a eso aludió el nombre de Portas”.

A primeira referencia documental sobre esta zona, segundo a documentación do Museo de Pontevedra, arranca do ano 1115, data na que Ramiro Muñiz fai entrega á catedral de Santiago, entre outras igrexas e vilas da “vila de Portas”.

Do 30 de abril de 1165 coñécese unha Escritura de doazón outorgada polo Rei Fernando II de León ó Mosteiro de Armenteira. Nela concede o monarca ós monxes e ó abade Don Ero a herdade chamada PARADISUS, sita en Santa María de Portas.

“Coñecemos o lugar de Paraíso en Portas -sinala o historiador Don Hipólito de Sa Bravo-, onde os monxes de Armenteira tiveron unha pequena granxa que no ano 1347 aforaron a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos de pesca que os monxes tiñan sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites da granxa do Mosteiro”.

Con anterioridade a estas datas, Portas formou parte do disperso hábitat das diversas agrupacións tribais do Salnés, e ás que convencionalmente se lles asigna co nome de CILENOS, que teñen a súa capitalidade unha vez que Roma asentou os seus cuarteis nestes lares, foi a veciña vila de Caldas de Reis.

No seu día os traballos dos arqueólogos Gil e Casal e de López Cuevillas, sacaron a luz os restos de núcleos no Monte Mourenta, lugar de Casal en San Pedro de Lantaño.

Non debemos así mesmo pasar por alto os asentamentos castrexos existentes en Santa María de Portas:
Monte do Castro, Parada, Portadeconde, Outeiro, etc., e na parroquia de Romai, os castros de Vilavedra e Romai Vello.

Hei aquí algunhas indicacións arqueolóxicas dos diversos estamentos prehistóricos desta zona:

López Cuevillas e Otero Pedrayo falaban de achar “un machado de talón de dúas anelas” no Monte Mourenta, lugar de Casal ou Paredes na parroquia de San Pedro de Lantaño.

En Portas, no Monte do Castro, atópanse “moitas pedras das construccións e restos de cerámica. Debaixo dunha pedra apareceron anacos de ladrillo”.

No castro de Outeiro, segundo unha nota solta de Castro Sampedro, rescatouse”unha machada de pedra, atopada ó facer unha gabia para viña na finca de Cabanelas, cerca da igrexario”.

Noutra ficha do Museo Provincial lemos de que nas vitrinas desta Entidade “…hai catro machadas neolíticas con esta procedencia (quizais algunha sexa da finca de Cabanelas). De dúas machadas deste tipo fálaba na carta a Sampedro de 4 de xullo de 1914, que garda o Museo”.

No de Parada sinálase que “apareceu un pano de man completo e unha peza de outro, aparte restos de cerámica”.

Son estas algunhas mostras que configuran o legado dos nosos antepasados. Velar por este acervo cultural é unha das misións que desde un principio se propón a presente Asociación “Domingo Fontán” de Portas.

Autor: Xosé Lois Vila Fariña

 

Os comentarios están pechados.