RSS

Os primeiros anos

Coida ser o 17 de Abril de 1788 a data do nacemento en Portadeconde (Santa Mª de Portas) de D. Domingo Fontán Rodríguez. Non se conserva a partida orixinal do bautizo deste imperecedoiro fillo de Galicia, dado que desde antes á invasión desta bisbarra polos franceses en maio de 1809, no asalto á Casa Rectoral queimaron parte dos libros, entre eles o de Bautizados.
O Museo de Pontevedra, tan unido a labor de Fontán, garda dous importantes documentos, un na Colección Casto Sampedro, e outro que ven sendo un montón de papeis procedente do Arquivo Parroquial de Portas. Nos mesmos ollamos os datos do bautizo, de quen andando o tempo sería por antonomasia o Cartógrafo de Galicia.
Se os documentos coinciden na data da nacemento, non son moi precisos á hora de asegurar o día en que foi bautizado. No primeiro, o da Colección Castro Sampedro, firmado polo cura-párroco Don Bernardo del Río y Lema o 6 do Nadal de 1812, sinala o seguinte:
…aberiguando las partidas de bautizados en esta parroquia por haver ardido los que havían quando los franceses quemaron esta rectoral, y otras casas de ella del motivo de la guerra con España, y tomando noticias de personas fidedignas, hallé que Don Domingo Fontán nació y fue bautizado en diecisiete de abril de 1788…”
E dicir, que se tomamos por guieiro este documento, Fontán foi bautizado o mesmo día do seu nacemento.
No outro documento exponse:
“En la freguesía de Santa Mª de Portas a 19 días del mes de abril de 1788, yo Don Joseph Antonio Lorenzo y Alfonsín, Teniente cura de esta freguesía de Portas, bauticé solemnemente a un niño que nació el día 17, al cual puse por nombre Domingo…”

O máis probable, é que Fontán fose bautizado na data do día 19 (lembrémonos das fortísimas choivas caídas precisamente o día 17), a non ser que o seu nacemento denotase gravidade. Nada deso se sinala en ámbalas partidas, por elo é propio inclinarse para o nacemento de Fontán o 17 de abril de 1788, sendo o Bautizo dous días despois.
Consta polos citados documentos, de que era fillo de Don Rosendo Fontán e de Dna. Sebastiana Rodríguez, os dous da freguesía de Santa Mª de Portas, e do lugar de Porta de Conde. Os avós veñen mellor descritos na primeira das partidas:
… nieto por parte de padre de Domingo Fontán y Dª Andrea Oliveira, y por madre de Don Alverto Rodríguez y Dª Sebastíana Blanco.”
Tamén aquí faise constar, de que o seu padriño foi Eduardo Piñeiro, así mesmo veciño de Portadeconde. “Fué su padrino solo...”, asegúrase no documento. Por contra, no outro comunicado dise: “fueron sus padrinos Eduardo Piñeiro y Andrea Oliveira, abuelos del bautizado”.
Dende logo non é certo na súa totalidade esta afirmación. Andrea Oliveira é avoa de Domingo, pero non Eduardo Piñeiro, a quen no documento anterior faise padriño en solitario de Fontán. A perda dos libros de Bautizados déixanos para sempre coa dúbida de saber se certamente foron estes dous persoeiros os padriños do Cartógrafo de Portas.
Os primeiros anos da nenez de Fontán deberon transcorrer en Portadeconde á beira da súa familia. Fontán neno, alleo a todos os acontecementos que na súa época estábanse a realizar, e que marcarían profundamente o seu destino, non sería distinto nos seus xogos ós demais rapaces que con el compartiron esa etapa da súa vida. O que por suposto nunca imaxinarían o Sr. Rosendo e a Sra. Bastíana era que aquel raparigo que xa descolgaba pola súa aberta imaxinación, sería andando o tempo o artífice de levar á Cartografía a faciana, o rostro de Galicia, un país deixado, abandonado ós seus propios recursos polo Centralismo, tanto daquela coma hoxe en día.
Hai unha tradición que asegura que Fontán aprendeu as primeiras letras baixo un con que está preto da súa casa. Coido que non deixa de ser unha fermosa lenda, dado que o mesmo Fontán aclara este punto cando fala da súa primeira aprendizaxe. Do que non hai dúbida é de que o nomeado con fose refuxio dos xogos dos rapaces daquel tempo, como de épocas máis recentes. O que si é certo, é que o devandito penedo garda un profundo respecto para todos os veciños de Portas, ó relacionalo coas primeiras etapas da vida de Domingo Fontán.

No ano en que nacía Fontán, remataban a vida e mandato do Rei Carlos III. Este monarca nun dos seus derradeiros acordos dou unha instrucción ós Correxidores, no apartado XXVIII, prégase de que vixiasen ós escolantes das primeiras letras encol do cumprimento do seu deber.
Hai que ter en conta o soldo de miseria que por aquel entón tiñan os que se dedican a ensinanza. A labor didáctica era materia refutada, pois as mesmas familias, maiormente a nivel campesiño ou de beiramar, preferían considerar ós seus fillos mans baratas para o traballo, que darlles un pouco de ilustración. Estudiar era perder o tempo, pois para dedicarse a traballar nas leiras ou saír de pesca, os libros non eran precisos. Filosofía que hoxe en día pode semellar terceiromundista, pero que entón, e ata non fai moitos anos, na sociedade campesiña e mariñeira era usual.
Os vinte primeiros anos da vida de Fontán (1788-1808) foron precisamente os do reinado de Carlos IV, etapa histórica moi desgraciada para España. O herdeiro de Carlos III non soubo manter o prestixio político do seu pai. As partidas de caza e os bailes privaban naquela dexenerada Corte de Madrid, deixando o Goberno da Nación nas mans do ambicioso Manuel Godoy.
Contrario o monarca á nacente República Francesa, declaroulle a guerra, mais derrotado tivo que firmar a Paz de Basilea. Entrou nunha desgraciada xuntanza con Francia en contra de Inglaterra, o que supuxo que perdesemos o mellor da nosa flota na desastrosa xornada de Trafalgar. En 1807 firmou con Napoleón un tratado para o reparto de Portugal. A conspiración do seu fillo Fernando, e o chamado Motín de Aranjuez, fixérono abdicar en favor do devandito herdeiro, solicitando por elo axuda ó Gran Corso. Este veu abertas as portas do Trono de España, e despois dunhas vergoñosas escenas na Baiona de Francia, o todopoderoso emperador francés, obrigou a Fernando a renunciar á Coroa, e a Carlos IV a cederlla a el.
Este foi o exemplo político que dou España durante os vinte primeiros anos de vida de Domingo Fontán, e que desencadeou na chamada Guerra da Independencia, o que así mesmo supuxo a perda do noso prestixio internacional, dando así mesmo sobrados motivos Para que as posesións do noso país na mal nomeada América, desen o seu berro independentista.
“Yo aprendí a leer y escribir con un malísimo maestro, a quien yo luego enseñé a contar…”(Sesión das Cortes 21.6.1838)
Así lembraba Fontán os comezos da súa aprendizaxe. O de malísimo mestre xa o di todo. Pouco máis que ler e escribir sabían os escolantes de entón, polo menos os das zoas rurais. Con Domingo tíñaa clara, pois xa o rapaz tiña outros azos que o bo mestre que impartía crases en Baliñas non podía dirixir.
Comentan algúns estudiosos da vida de Fontán, que xa desde neno dedicouse a estudiar a lingua francesa, á beira de certos fuxidos do país veciño motivado á Revolución de 1789, e que buscaron asilo en España. En Noia había algúns deles, en especial cregos e relixiosos, e cos mesmos aprendeu a fala de Moliére.
Denantes de todo isto, xa Fontán aprendera o latín no lugar de Bue (parroquia de Barro). Ademais das clases que recibiu dos refuxiados galos, hai que ter en conta a forte e decisiva influencia do seu tío materno Don Sebastián Rodríguez Blanco, cura-párroco que foi de Noia desde o 4 de abril de 1800 ata o 15 de marzo de 1843. Anos máis tarde, na súa brillante traxectoria política, Fontán recoñecía con fondo agradecemento o apoio prestado por este familiar.
Pola tempada do verán ía a familia Fontán – Rodríguez de Portas a convivir en Noia con Don Sebastián, tempo que aproveitaban tío e sobriño un para ensinar e outro para aprender, pois as especiais calidades do pequeno Mingos non pasaban desapercibidas polo tío Bastián.

“Este chaval se segue por este camiño chegará moi lonxe. ¡Non hai máis que ollar a súa disposición para o estudio!”
De seguro que estas verbas as pronunciaría máis dunha vez Don Sebastián ós pais de Domingo, a quen non só se lle deu por aprender o latín e o francés, senón que tamén se aplicou polo idioma de Shakespeare, e mal sabería Fontán o útil que lle ían a ser anos máis tarde, cando os desgraciados acontecementos de España desembocaron na chamada Guerra da Independencia. As linguas francesa e británica, foron de vital importancia naqueles tráxicos anos de 1808 a 1814.
Don Sebastián Rodríguez Blanco deixaría por herdeiros universais a Domingo Fontán e ó seu irmán Andrés, Doutor este en Leis, e veciño entón en Lousame (Nola), ó tempo que Domingo o era de Santiago.
Algunhas noticias encol de Fontán atópanse no Arquivo da Universidade de Compostela. Fíxose Bacharel en Filosofía o 21 de Maio de 1802, pasando polos dous cursos que o Plan vixente de 1772 esixía para ter este título. De 1802 a 1803 estudiou 3º de Filosofía, ou sexa Física, co Doutor Manuel Gallego Moreira, natural de Pontedeume, quen certificou que Domingo Fontán asistiu á súa cátedra dende San Lucas de 1802 (as clases principiaban o 18 de Outono) ata San Xoán de 1803.
Aprobados estes tres cursos, Fontán matriculouse en Teoloxía, e de 1803 a 1804, co benedictino Frei Teodosio Mosquera, natural de Chaioso (Maceda-Ourense) e Abade de San Martín Pinario estudiou a polémica materia dos “Lugares Teolóxicos”. De 1804 a 1808 Fontán estudiou as tres partes da Suma de Santo Tomás co dominico Frei Manoel Alvariño, Vicario provincial da súa Orde.
De 1807 a 1808 Fontán estudia ademais Lingua Hebrea co mestre asturiano Frei Filipe González Abarca, Comendador dos Mercedarios de Conxo, Doutor en Teoloxía, mestre nas linguas Hebrea e Grega, e que chegou a ser Bispo de Ibiza en 1816 e de Santander en 1819. Máis Fontán non remataría o Curso con el, senón co santiagués Filipe Rey Porto, discípulo de González Abarca.
De 1804 a 1808 asistiu Fontán á Academia de Teoloxía establecida en Santiago, como outras Facultades pola Real Providencia de 1751, e tales sesións facíanse dúas veces á semana, presididas por un Graduado Maior.
De 1804 a 1806 foi Gregorio Blanco, natural de Redondela. De 1806 a 1807 Antonio Xavier Álvarez, máis tarde Catedrático de Teoloxía, que finou en 1845. De 1807 a 18080 agostiño santiagués Frei Pascual Fernández, que tamén chegou a ser Catedrático nesta Facultade.
Fontán estudiou dende 1808 a 1809 Sagradas Escrituras co nomeado Dr. Alvariño, entón substituído polo Cóengo Lectoral de Escritura Don Andrés Rivera, que era o titular a Cátedra. O 9 de xaneiro de 1809 os franceses ocupan Santiago, e neste Curso non se restableceu a normalidade, a pesar dos esforzos do inimigo, e da fuxida que fixeron de Santiago o 23 de marzo. Por elo Fontán tivo que examinarse o 14 de Novembro deste Curso ante os Catedráticos de Teoloxía, o nomeado Fr. Alvariño, e o agostiño Frei Xacobo Blanco.

Autor: José Luis Vila Fariña

Datos extraídos do Museo de Pontevedra
e das diversas publicacións que nesta Entidade existen.

Advertisements
 

Os comentarios están pechados.